
Mañá, venres 9 de xaneiro ás 20h. El Cercano de Ourense acollerá a presentación do libro “El cuarteto de cuerda: Laboratorio para una sociedad ilustrada” de Cibrán Sierra Vázquez.
A obra, publicada por Alianza Editorial (Colección Bibliotéca Básica de Música) describe “de forma amena e cunha linguaxe accesíbel, libre de tecnicismos musicais” tal como explican dende a editorial, o grande fenómeno cultural do cuarteto de corda dende as súas orixes ata a actualidade, mostrando que “ten sido o medio favorito de experimentación musical para tódolos grandes compositores do noso tempo e reflexionando sobre o seu valor ético, cívico e educativo, como metáfora musical dunha sociedade herdeira dos valores da ilustración”.
O libro está organizado en catro partes: a historia do cuarteto de corda a través dos seus compositores e intérpretes; unha viaxe á dinámica interna do cuarteto de corda, como se constrúe unha interpretación e se configura o seu carácter de grupo; unha aproximación á dimensión social, ética e educativa desta convivencia musical, e máis unha cartografía do panorama do cuarteto de corda na actualidade, que “proporcionará ao lector interesado información sobe festivais, auditorios, grupos máis relevantes, escolas de formación especializada, etc…”
O acto estará presentado polo xornalista Manolo Saco e contará coa presenza do autor, natural de ourense, violinista, membro fundador do Cuarteto Quiroga e responsable da cátedra de cuarteto de corda e música de cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón.