OurenseÚltima hora

Preséntase en Ourense “Xurés Experiences 2018”, unha iniciativa para promover natureza, deporte e gastronomía

Esta fin de semana será a quenda para a proba cicloturista “Ourense Strade Termal” con saída e meta no Balneario de Lobios
Manuel Baltar cos alcaldes de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

Os concellos da Baixa Limia únense para levar a cabo “Xures Experiences 2018” unha iniciativa para promover natureza, deporte e gastronomía, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense con actividades, que se desenvolverán ao longo do ano.

Probas de diferentes disciplinas deportivas como BTT ou rutas de sendeirismo, actividades deportivas conxuntas, e eventos gastronómicos, programados en diferentes datas para potenciar a comarca no seu conxunto, son algunhas das propostas que abrangue esta edición do programa que era presentado na mañá do 13 de abril, por parte do presidente da Deputación Manuel Baltar, e dos alcaldes de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

Esta fin de semana (14 e 15 de abril) será a quenda para a proba cicloturista “Ourense Strade Termal” con saída e meta no Hotel Balneario de Lobios, pero no calendario deportivo, hai actividades conxuntas como a “Ruta da Loba” (28 de abril) ou o “Gran Fondo Xurés” (27 e 28 de outubro) entre os municipios de Bande e Lobeira. A “Aquabike Xurés Baixa Limia”, entre os concellos de Bande e Muíños a primeira quincena de outubro. Lobios e Muíños tamén acollerán o 16 de setembro o “II Trail do Lobo”. Tamén, ao longo do ano os concellos acollerán eventos de diferentes disciplinas deportivas como andainas, xogos populares e regatas de piragüismo.

No relativo ás celebracións gastronómicas, “Xurés Experiences 2018” inclúe a XLVII Festa do Peixe de Bande os días 25, 26 e 27 de maio, a Mostra de Degustación de Produtos Típicos de Lobeira o día 19 de maio, a XV Festa de Exaltación da Empanada de Forquellas e Cachena da Serra do Quinxo en Entrimo o día 3 de xuño, a celebración da XXX Sopas do Burro Canso, XIV Galo Pica no chan, II Becerro do Xurés ao Espeto en Muíños o 4 de agosto, ou a XXI Festa dos Callos Limiaos en Lobios o 19 de agosto.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button