EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntase en Sober o Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra

 

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación do Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra, que se celebrou en Sober, que esta iniciativa que conta coa colaboración da Xunta demostra o compromiso co vehículo eléctrico da comarca lucense e de Galicia.

A Ribeira Sacra, aseguraba Conde, “vai abandeirar na comunidade o compromiso coa mobilidade eléctrica e sustentable a través deste plan que contribúe a acrecentar as calidades ambientais e paisaxísticas desta paraxe natural, candidata a Patrimonio da Humanidade”. O vicepresidente económico fixo fincapé no orgullo que para todos significa estar traballando desde A Ribeira Sacra “no impulso dunha Galicia máis sustentable e comprometida coas enerxías renovables”.

O plan presentado hoxe ten por obxectivo electrificar o transporte colectivo (tanto autobús como catamarán) que dá servizo a ambas marxes do río e conecta os principais puntos de interese turístico. Para iso realizaranse as obras necesarias para que os pantaláns dos catamaráns turísticos dispoñan de puntos de recarga adaptados ás necesidades dos autobuses lanzadeira e dos propios catamaráns.

 

 

Conde agradeceu ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a súa iniciativa e o seu espírito de colaboración coa Xunta, que está apoiando tanto a adquisición dun vehículo híbrido enchufable como a elaboración do Proxecto Fluvial-Eléctrico , dando o impulso necesario para que poida optar ás axudas do programa Moves Proxectos Singulares do Goberno.

O Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra “é un proxecto que pode ser un modelo”, indicaba Conde. A iniciativa encaixa na Estratexia de Mobilidade eficiente de Galicia, e no traballo que está a realizar a Xunta para que Galicia siga dando pasos cara a unha mobilidade de baixas emisións, segura e conectada, a través do vehículo eléctrico. Dentro desta estatrexia hoxe mesmo abre o prazo de solicitudes do programa Renove de Automoción.

Artigos relacionados

Back to top button