En portadaÚltima horaVídeos

Preto de 400 deportistas de 32 clubs participarán no galego infantil de karate que se celebrará no Barco

O campionato terá lugar o domingo 10 de marzo no pavillón municipal de Calabagueiros

 

O vindeiro domingo 10 de marzo, O Barco de Valdeorras converterase no epicentro do karate infantil coa celebración do campionato galego que regresa a Valdeorras 24 anos despois da última edición celebrada no 2001.

Tralo éxito da proba da liga galega celebrada o ano pasado, a Federación Galega de Karate (que conta con varios valdeorreses na directiva) apostaba novamente polo Barco para unha proba galega, que era presentada na mañá deste mércores 6 de marzo na Casa Grande de Viloira, na sede da Deputación en Valdeorras nun acto que contou coa presenza da deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González; do concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso; do responsable do Servizo Provincial de Deportes de Ourense, Manuel Pérez; do presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente; do responsable do KC River Stone O Barco e seleccionador galego de kata, Nicolás Rodríguez; e da presidenta dos clubs River Stone do Barco e SHARK de A Rúa, Raquel Fernández.

 

 

As categorías que competirán no Barco na modalidade de kata, son benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete, masculino e feminino, e a ese respecto, na súa intervención a representante da Deputación destacou a importancia de traballar cos pequenos no deporte, facelos crecer nun ambiente de respecto, coñecendo o medio e sobre todo a convivencia. “Paréceme un gran labor e de aí parte a defensa dende o punto de vista persoal e institucional que fixen na Deputación para conseguir a axuda económica que necesitaban para organizar o evento”. A nivel comarcal “é u n luxo para Valdeorras que se celebre aquí un campionato galego”, dixo, adiantando que isto ten que ir a máis podendo espallarse polo resto de concellos outras actividades vencelladas neste caso ao karate.

En representación do Concello do Barco, o tenente de alcalde Aurentino Alonso destacou o elevado volume de xente que moverá o campionato, uns 400 nenos máis familiares, e sobre todo o feito de que “na comarca e polos datos que teño dos clubs, hai máis de 170 nenos practicando karate, unha cifra moi importante para a nosa poboación”. Tamén destacou a relevancia do deporte asegurando que a maioría da xente que practica algún son nenos que teñen unha serie de valores que ao mellor noutro tipo de actividades non se acadan polo que agradece, primeiro á Federación por pensar no Barco para este campionanto galego, segundo á Deputación porque sen o seu apoio económico sería case imposible, á Xunta e por suposto aos clubs.

 

O presidente da FGK, Óscar Lafuente.

 

Por parte da Xunta, Manuel Pérez presume de contar con moitas federacións, destacando neste caso a de karate. “Podemos estar orgullosos porque o galego é un campionato que move moita xente, e dada a actividade que se desenvolve na zona é bo que este tipo de eventos veña para aquí”. Pérez tamén destacou a presenza do presidente da FGK como mostra de apoio ao labor que desenvolven os responsables dos clubs valdeorreses.

Lafuente, á fronte da Federación dende o 2020 en plena pandemia de Covid, destaca como dato siginificativo que “o primeiro campionato nacional que se fixo dende entón foi o infantil en Ourense porque é unha provincia que historicamente sempre tivo moito e bo karate, especialmente na comarca de Valdeorras con clubs moi activos”, dixo, eloxiando o labor dende hai anos de Nicolás Rodríguez ao que se sumaba Raquel Fernández. “Para nós é unha parte destacada e queremos corresponder traendo o que posiblemente sexa o campionato máis importante polas características dos seus participantes xa que para nós o karate base é fundamental”.

 

Nicolás Rodríguez, responsable do River Stone e seleccionador galego.

 

Trátase dunha proba clasificatoria para campionato de España que se celebrará en abril, no que participarán 398 deportistas de 32 clubs, dos cales 65 son dos 9 clubs da provincia de Ourense (27 dos dous de Valdeorras), e tal como destacou Nicolás Rodríguez, pelexaron por traer este campionato ao Barco xa que dende o cadete-júnior do 2001 non se puidera traer ningún. Con respecto aos deportistas do KC River Stone, coñecen de sobra este tipo de campionatos porque levan tempo participando, tamén no de España pero será a primeira vez que compitan en casa. “A xente do Barco nunca viu competir a estes rapaces polo que é de agradecer a todos poder chegar a este momento e ter un campionato deste nivel no Barco con rapaces do Barco”, dixo Nicolás.

Pechando o acto, Raquel lembrou que leva tres anos co club da Rúa, seguindo a estela do gran mestre, que leva feito tanto por este deporte na comarca, Nicolás Rodríguez, e tamén de José Puente, que fixo moito na Rúa, e agora comeza a haber moitos karatekas que beben do que fan os grandes. “Como representante do club da Rúa é un auténtico luxo”, remataba.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button