Quince anos despois da última competición, o Club Arqueiros do Sil volvía organizar unha proba na Rúa. Na mañá deste domingo 19 de xaneiro celébrase o Campionato galego de equipos en sala de tiro con arco no que participan preto de cen arqueiros dunha vintena de equipos, nas modalidades de arco recurvo e arco tradicional.
A competición comezaba ás nove da mañá cunha ronda clasificatoria. Despois tiña lugar os cruces e finalmente serán as finais en ambas modalidades coa correspondente entrega de medallas (elaboradas en lousa por Pizarras Los Tres Cuñados) a todos os parricipantes e trofeos aos gañadores.

Os equipos participantes, de toda Galicia, son: Club Boa Vila de Tiro con Arco A; Las Ansias; Universitario A Coruña; Husqvarna; Arqueros de Ferrol 1; Adarve A e B; Club Lumelar A e B; Eiroas A; Arco Narón A; Seurri A; Sil Recurvo; Dous x setenta; Cachamuíña; Escola Lucense de Tiro con Arco; Os Lamabós; Ártabros A; Arteixo; Os Imandiños; e Cachamuíña Tradicional.
En arco recurvo o primeiro posto foi para Boa Vila, o segundo para Arco Narón e o tercerio para Universitario A Coruña; e en tradicional, o 1° para Os Irmandiños, o 2° para Cachamuíña e o 3° para Arteixo. Á entrega de trofeos asistían a alcaldesa da Rúa, María G. Albert e o concelleiro de Deportes Avelino Fernández.


A presidenta do Club Arqueiros do Sil, Cristina Delgado, amósase moi contenta co éxito de convocatoria e sobre todo por volver organizar un campionato na Rúa. “O club levaba dende o 2010 sen organizar unha probar e agora retomámolo cun campionato galego”, di Cristina, adiantando que a mediados do mes de maio organizarán unha competición de 3D. “Será no Aguillón, na zona de bosque, para disparar as flechas a figuras en 3D en lugar de dianas de papel”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.