
A Fundación Juana de Vega acaba de publicar o informe “O sector do vacún de carne en Galicia: situación actual e evolución recente”, no que analiza en profundidade a evolución produtiva, económica e estrutural do sector nos últimos anos. Nel debúxase un escenario marcado por unha forte tensión entre oferta e demanda, unha dinámica que non é exclusiva de Galicia, senón que tamén se observa a nivel europeo e estatal, onde a produción e os censos mostran unha tendencia descendente nos últimos anos. No conxunto da UE-27, a produción de carne de vacún rexistrou unha caída acumulada do -4,39% entre 2016 e 2024, unha evolución que se explica en gran medida pola contracción dos principais países produtores, como Francia (-11,31%), Alemaña (-12,07%) ou Italia (-18,59%). Pola contra, España presenta unha evolución diferencial, cun lixeiro incremento do +3,35% no mesmo período, mentres que en Galicia a produción segue unha evolución máis irregular e cunha tendencia recente descendente, situándose na actualidade por baixo da rexistrada en 2016.
Esta situación é especialmente relevante en Galicia, segundo este estudo, que continúa sendo a principal comunidade en número de explotacións de vacún de carne en España, concentrando o 23,12% do total estatal, e ocupando tamén a primeira posición tanto en explotacións de produción e reprodución como en cebadeiros.
Con todo, este liderado susténtase nun modelo produtivo moi fragmentado e cun tamaño medio reducido, con ao redor de 12 vacas amas de cría por explotación, moi por baixo doutras comunidades como Castela e León (50) ou Cataluña (45). Nos últimos anos observouse unha caída significativa do número de explotacións en Galicia, especialmente a partir de 2021, cunha redución do -24% nas explotacións de produción e reprodución (unha cuarta parte do total) e de preto do -47% nos cebadeiros ata 2024 (case a metade), o que evidencia un proceso de axuste estrutural máis intenso que no conxunto do Estado. Esta realidade, sinala o informe, limita a capacidade de xeración de rendibilidade e acentúa a vulnerabilidade do sector fronte a este novo contexto de mercado.
O prezo da carne sobe un 32% nun ano
Neste contexto, e como consecuencia desta redución da base produtiva, os prezos da carne en canal alcanzan niveis históricos tras a súa recuperación desde 2021, cun incremento recente do +32% entre xaneiro de 2025 e xaneiro de 2026, ao pasar de ao redor de 6,10 €/kg a 8,05 €/kg. Un dos elementos máis salientables do informe é a evolución dos prezos percibidos polos produtores: en apenas catro anos, o valor dun tenreiro tipo de 230 kg pasou de ao redor de 830€ nos mínimos de 2021 a uns 1.850€ na actualidade, o que supón duplicar os ingresos por animal e evidencia a intensidade das tensións no mercado.
Neste sentido, o informe identifica como un dos principais riscos estruturais a falta de remuda xeracional, agravada polas importantes barreiras de entrada ao sector. O elevado custo do gando, o incremento dos investimentos iniciais necesarios, o encarecemento dos materiais e a complexidade burocrática dificultan a incorporación de novos produtores.
“Mesmo nun escenario de prezos elevados, o sector presenta unha capacidade moi limitada para aumentar a produción no curto prazo. Esta restrición vén determinada, en gran medida, polo propio ciclo produtivo do vacún de carne, xa que a incorporación de novas vacas amas de cría e a súa entrada en produción require ao redor de tres anos, o que impide unha resposta rápida da oferta ante o actual contexto de prezos elevados”, tal e como destaca do informe a Fundacion Juana de Vega.
Factores externos, presión de custos e incerteza de futuro
A evolución recente do sector non pode entenderse sen ter en conta a acumulación de factores externos que condicionaron o seu funcionamento. Así, seguindo este traballo, a pandemia da COVID-19 provocou unha caída abrupta da demanda e un afundimento dos prezos, mentres que a guerra en Ucraína disparou os custos de produción (pensos, enerxía e insumos), acelerando o peche de explotacións. A este contexto sumáronse nos últimos anos importantes problemas sanitarios, como a lingua azul, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica ou a dermatosis nodular contaxiosa, que limitaron a mobilidade do gando e dificultaron a recuperación produtiva.
Na actualidade, a tensión xeopolítica en Oriente Medio introduce un novo factor de risco, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, ao incrementar a inestabilidade nos mercados internacionais da enerxía e exercer presión á alza sobre os prezos do petróleo. Este escenario está a trasladarse novamente aos custos de produción do sector gandeiro, especialmente en carburantes, transporte e alimentación animal, limitando a mellora recente das marxes.
Ademais, o acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur, actualmente en proceso de ratificación, introduce unha nova incerteza estrutural. A entrada de carne procedente de países con menores custos de produción e esixencias normativas máis laxas podería intensificar a competencia no mercado europeo, exercendo presión á baixa sobre os prezos en orixe e comprometendo a viabilidade das explotacións. Neste sentido, o informe advirte da existencia dunha asimetría regulatoria que podería xerar unha situación de competencia desigual para os produtores europeos.

Escenario complexo
En conxunto, o sector do vacún de carne en Galicia enfróntase a un escenario complexo, no que a caída da oferta coincide cunha demanda firme e cunha capacidade limitada de resposta produtiva. “A continuidade do sector dependerá, en gran medida, da súa capacidade para incorporar novos produtores, superar as barreiras de entrada e adaptarse a un contexto económico, sanitario e xeopolítico cada vez máis esixente”, citando á fundación
Neste marco, este informe recén publicado subliña a necesidade de “reforzar a remuda xeracional e avanzar cara a explotacións de maior dimensión, que permitan mellorar a súa viabilidade económica”. Así mesmo, pon ou foco na “importancia estratéxica de manter a capacidade produtiva do sector en Galicia, non só desde unha perspectiva económica, senón tamén territorial, polo papel clave que estas explotacións desempeña na xestión do territorio, na conservación das paisaxes en mosaico e na prevención de incendios, ao xestionar máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU)”.