A pancetada abría coma sempre o programa na noite do venres pero é hoxe, domingo 8 de setembro, cando Larouco vive o día grande das festas patronais na honra á Virxe dos Remedios. O acto central era a procesión coa imaxe da Virxe que saía da igrexa parroquial ás 13 horas percorrendo boa parte da vila guiada polas mulleres (algunhas delas vestidas de galegas) e acompañada pola Banda de Celanova e numerosos devotos que en diferentes puntos do percorrido botaban pétalos de papel á Virxe. De volta na igrexa tiña lugar a eucaristía presidida polo párroco José Fernández de Abajo.
Á saída da misa, veciños e visitantes desfrutaban da sesión vermú nos bares do pobo e pola tarde o baile correrá a cargo da orquestra Saudade que actuará en dobre sesión, de 19:30 a 21 e de 23 a 00:30 horas.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.