En portadaÚltima horaVídeos

Procesión de Corpus Christi, entre alfombras florais, no Barco

 

Cun aplauso finalizaba, tras a bendición, a procesión do Corpus Christi do Barco xunto á igrexa de San Mauro neste domingo 19 de xuño. Un aplauso en agradecemento ás persoas que co seu esforzo e traballo permitiron recuperar nesta xornada as fermosas alfombras florais da zona vella da vila. O párroco barquense, Jesús Álvarez, recoñecía o traballo da veciñanza e o importante de recuperalas este ano, para evitar que se perderan. Ademais adiantaba que a intención é, de cara ao vindeiro ano, organizar con máis antelación e tratar de animar a máis xente, incorporando incluso aos nenos con alfombras infantís, deseñadas e elaboradas por eles mesmos.

 

 

A procesión do Corpus partía pasadas as 12:30h., retando a chuvia que amenazaba con facer acto de presenza, dende a igrexa de Santa Rita e, seguindo a estrada xeral da vila, dirixíase cara o casco antigo, entrando por San Roque e continuando despois polas rúas Real e San Mauro ata chegar á igrexa de San Mauro. Ao paso da comitiva relixiosa, os veciños botaban pétalos de flores dende as fiestras dos edificios.

Xa no exterior da igrexa de San Mauro dábase a bendición e finalizaba o acto relixioso. O Santísimo permanecerá exposto nesta igrexa ata a misa da tarde, que será este domingo neste templo.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button