O Concello de Ourense sumouse á celebración, neste mércores 16 de agosto, da festividade do San Roque, patrón da Policía Local, coa tradicional procesión polas rúas da cidade, que percorreu a zona histórica e rematou coa misa na Catedral de Ourense.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes dos grupos municipais de DO, PP e PSdeG-PSOE no Concello, participaron na procesión, encabezada por un grupo de gaiteiros, cunha nutrida participación da Policía Local de Ourense e representantes doutros corpos de seguridade.
A comitiva partiu ás 11:30 horas da praza Maior, e realizou a súa primeira parada na Catedral. Despois saíron, xa co San Roque sobre os ombreiros dos axentes participantes, pola rúa Juan de Austria, praza e igrexa de Santa Eufemia -onde fixeron a segunda parada-, rúa Lamas Carvajal, rúa Arcedianos e de novo á Catedral a través da praza de San Martiño.
Na cita participaron policías locais de Ourense, A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Lugo, Ferrol e Xinzo da Limia, ademais doutras forzas e corpos de seguridade presentes na cidade.
Logo da celebración dun acto litúrxico, oficiado polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, os axentes reuníronse para unha foto de grupo fronte á Casa do Concello e dirixíronse cara á Xefatura da Policía Local de Ourense, na rúa Victoria Kent, onde tiveron un aperitivo.