EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Proclamados os vogais electos para a renovación de 6 consellos reguladore, entre eles o da D.O. Valdeorras

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias

 

A Xunta Electoral vén de proclamar hoxe os vogais electos no proceso de votación que tivo lugar o pasado domingo 19 de febreiro para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agrolimentario galego, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Pendentes de posibles reclamacións que se poidan presentar deica este venres 24 de febreiro contra os resultados das votacións -logo a Consellería do Medio Rural ten de prazo para resolver ata o 1 de marzo- quedaría establecida a repartición de vogalías nos 15 consellos reguladores que se renovan, sumando os nove onde houbera candidaturas únicas ou pactos.

O pasado domingo procedeuse coas votacións en determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún, para os que hoxe quedou establecida a repartición de vogalías.

Así, no caso do Consello Regulador das IXP das Carnes de Vacún de Galicia, Asogacarne ten 8 vogalías, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) conta con 3, a Asociación de Gandeiros de Suprema ten 2 vogais, Unións Agrarias (UUAA) outros 2 e o Sindicato Labrego Galego (SLG) 1. Todo despois de que este domingo se producise votación no censo de gandarías tradicionais e a lista máis votada fose a da Asociación de Gandeiros da Suprema.

No Consello Regulador da DO Monterrei, hai 2 vogais da Federación Rural Galega (Fruga), 2 para a Asociación Agraria de Galicia, outros 2 para Unións Agrarias e 1 vogal para Terras do Cigarrón. Isto a expensas de posibles reclamacións despois das votacións do domingo no censo de adegas de menos de 30.000 litros, onde a lista máis votada foi a da Fruga.

Seguindo co Consello Regulador da DO Valdeorras, 2 vogais son para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), outros 2 para a Candidatura Independente Viticultores Independentes Valdeorras, 1 vogal para a Candidatura Independente por unha DO Valdeorras de Prestixio e Calidade, outra vogalía para a Candidatura Independente Ruvirco, outro vogal para a Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e un último para o SLG, logo do sorteo realizado pola Xunta Electoral ao estar esta candidatura empatada en votos coa de Asaga. Isto sempre que non se presenten reclamacións despois de que se votase o domingo no censo de viticultores de maior dimensión económica, no que a lista con máis apoios foi a da Candidatura Independente Viticultores Independentes de Valdeorras, e no censo dos viticultores de menor dimensión, no que gañou tamén Viticultores Independentes de Valdeorras. Dentro do sector industrial, tan só se votou no censo das adegas de menor dimensión, sendo a lista con máis apoios a da Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras.

Respecto do Consello Regulador da DO Rías Baixas, quedarían 7 vogalías para a Asociación Empresarios Bodegueros y Viticultores Rías Baixas, 5 para a Asociación Agraria de Galicia, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e 2 vogais de Sindicato Labrego Galego. Mentres, a Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas, Unións Agrarias, a Agrupación Profesional Viticultores Rías Baixas e a Asociación Adegas do Salnés teñen 1 vogal cada unha. Cabe recordar que o domingo votouse en tres censos desta denominación. En concreto, no de viticultores de máis de dúas hectáreas do Condado de Tea e Soutomaior -onde a lista máis votada foi a do Sindicato Labrego Galego- e no mesmo censo das subzonas do Val do Salnés e da Ribeira do Ulla -onde a lista máis votada foi a da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas-. Dentro do sector industrial, só houbo votación no censo correspondente a adegas de menos de 100.000 litros e liderou a Asociación Agraria de Galicia.

No Consello Regulador da DO Ribeiro, quedan 3 vogais para a Asociación Agraria de Galicia, 3 vogais para a Cooperativa Viña Costeira, 2 para Unións Agrarias, 1 vogal para Candidatura Independente de Adegas e outro vogal para a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal. Todo a expensas de posibles reclamacións despois de que o día 19 votase o censo de viticultores, no que venceu a lista de UUAA.

Por último, no referido ás votacións do domingo, no Consello Regulador da IXP Mel de Galicia atribúense 6 vogalías á Agrupación Apícola de Galicia e 3 a Erica Mel Sociedade Cooperativa Galega, despois de que hai dous días se votase no censo de apicultores con máis de 400 colmeas e a lista máis votada a de fose Erica Mel SCG.

Resto de consellos reguladores que non foron a eleccións
Esta repartición de vogais xa se tiña decidido no caso doutros nove consellos reguladores, con censos onde se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías.

Así, na denominación de orixe Ribeira Sacra, corresponden 8 vogais á Candidatura Independente de viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra, 3 á Candidatura independente dos vitivinicultores de Ribeira Sacra e 1 á Candidatura Independente e viticultores non comerciais. Mentres, no Consello Regulador das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia a Candidatura profesional Augardentes e Licores de Galicia foi a única presentada, logrando un total de 10 vogais.

No caso dos queixos, a denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa ten 2 vogais para Unións Agrarias e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso dos produtores; mentres na industria hai 3 vogalías para a Candidatura Independente Pequenas Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa e outras 3 para a Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa. Na DOP Queixo Tetilla quedan tamén 2 vogais para UUAA e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso do sector produtor; mentres no industrial houbo unha candidatura única correspondente a Queixerías da DOP Queixo Tetilla, que ten 5 vogais. Na DOP San Simón da Costa, pola súa banda, hai 2 vogais de Unións Agrarias no caso dos produtores e 5 para a candidatura independente Queixeiros de San Simón no das industrias.

Na IXP Pataca de Galicia, no sector produtor UUAA ten 2 vogalías, e Asaga, Fruga e SLG contan con 1 vogal máis cada un; mentres no sector industrial a Candidatura Independente Envasadores de Pataca de Galicia ten 5 vogais. Na IXP Pan de Cea houbo unha candidatura única denominada Candidatura Independentes de Cea, con 4 vogais, no único censo de elaboradores.

Na indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, a repartición é de senllos 3 vogais tanto para Unións Agrarias como para a Asociación Agraria de Galicia, no caso da produción; mentres no sector industrial a candidatura única correspondente á Candidatura Independente Procesadores de Castaña de Galicia queda con 6 vogais. Para rematar, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), no sector produtor, repártense 2 vogais para UUAA, outros 2 para Asaga e outros 2 para o SLG. No sector industrial, a Asociación Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, única presentada, queda con 7 vogais.

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

Artigos relacionados

Back to top button