
Cinco alumnas dos ciclos medios de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e de Xestión Administrativa do CIFP Portovello de Ourense, atópanse dende finais de marzo, completando a súa formación práctica en centros de traballo de Seinäjoki (Finlandia) e Osnäbruck (Alemania), a través do programa europeo de mobilidade Leonardo da Vinci IVT. O Initial Vocational Training (IVT) é unha das liñas de acción do programa europeo, cuxo obxectivo é promover as mobilidades do alumnado de formación profesional de grao medio e de programas de cualificación profesional inicial.
De forma simultánea, no marco dese mesmo programa, tres alumnas finlandesas estarán en Ourense ata o 15 de maio, realizando as prácticas dos seus respectivos ciclos formativos: Practical Nurse e Catering Hotel and Restaurant, en dúas empresas da cidade: Geriatros e Restaurante Nova.
Xa no pasado mes de decembro de 2013 o CIFP Portovello recibiu a concesión da Carta Erasmus de Educación Superior (ECHE), dentro do Programa Erasmus+ (2014-2020), que aglutina tódalas iniciativas existentes no Programa de Aprendizaxe Permanente (Comenius, Erasmus, Leonardo da Vinci e Grundtvig) e os programas de educación superior internacionais. Amplíanse así as posibilidades de mobilidades, incluíndo os ciclos superiores, e, tamén se abren portas para outros proxectos de innovación educativa a nivel europeo e/ou internacional.
Neste senso, o Portovello coordinouse con outros centros da cidade para presentar un proxecto de mobilidade dirixido a estudantes e profesorado de ciclos superiores de Formación Profesional. Tal como explican dende o centro ourensán “baixo este Consorcio FP Superior Ourense Europa preténdese colocar a Ourense ó mesmo nivel de oportunidades que outras cidades galegas dentro da formación profesional superior”.
Foto cedida polo CIFP Portovello