ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Protección Civil de Río, entre as 4 agrupacións ourensás que veñen de recibir un remolque de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixeron entrega hoxe deste material ás agrupacións dos concellos de Sarreaus, Beariz, San Xoán de Río e Celanova

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixeron entrega esta mañá de 4 remolques de emerxencias para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos ourensáns de Sarreaus, Beariz, San Xoán de Río e Celanova, que se suman aos xa entregados a semana pasada aos efectivos de Protección Civil no municipio coruñés de Carnota e ao de Vilanova de Arousa, en Pontevedra.

En total, son 6 remolques de emerxencias no marco do compromiso da Xunta para reforzar o equipamento destas agrupacións cunha liña de axudas que o ano pasado tamén supuxo a adquisición de 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas.

A Xunta tamén apoia a actividade das AVPC colaborando nos seus gastos de funcionamento mediante outra orde de axudas que cubre a adquisición de uniformes, equipos de prevención e protección ou material informático e de comunicacións, así como nos custos de actuación ou formación dos efectivos e o pago de seguros e os gastos derivados do mantemento, transporte ou conservación e alugamento da base e medios de intervención. Na convocatoria deste ano resultaron beneficiarias 190 agrupacións da comunidade: 62 da provincia da Coruña, 33 da de Lugo, 65 da de Ourense e 30 da de Ourense.

Santiago Villanueva destacou o importante papel dos voluntarios de Protección Civil en apoio aos servizos de emerxencias, tanto nas tarefas de prevención como nas intervencións porque en moitas ocasións son os primeiros en chegar ao lugar dos feitos. Por iso, incidiu na importancia que poidan contar co equipamento necesario para velar pola seguridade dos cidadáns, o que permite atender ás incidencias con maior eficacia e eficiencia.

Artigos relacionados

Back to top button