CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Proxección do documental “O Piloto”, no Barco

Con dirección de Xosé Reigosa e guión de Afonso Eiré, relata a historia do guerrilleiro lucense José Castro Veiga

Vaise completando o círculo de actos do programa “De Perto” no Barco. Entre os últimos figuraba a proxección do documental “O Piloto”, que aborda a figura de José Castro Veiga, alcumado “O Piloto”, un dos últimos membros do Exército Guerrilleiro Galego. Este proxecto ten sido dirixido por Xosé Reigosa, quen se desprazaba á vila barquense na noite do 15 de xullo para presentalo.

“Quizais “O Piloto” non foi dos guerrilleiros máis importantes que houbo en Galicia, onde as guerrillas foron moi relevantes, pero pasará a historia pola súa lonxevidade, ao chegar ao ano 1965″, comentaba Reigosa. Ademais destacaba que a través deste documental preséntase un relato que non está contado nos libros de historia, “a historia sempre a contan os vencedores. Ao falar do Piloto non estamos a amosar só a este personaxe, senón que falamos asemade das circunstancias que o rodean, como foron as guerrillas que houbo en Galicia, que se convertiron nun exemplo para o resto do Estado, tamén da dureza da posguerra…”.

O guión deste documental, de 78 minutos de duración, é de Afonso Eiré, quen vén de publicar tamén un libro homónimo sobre este guerrilleiro lucense. Logo da proxección, que tiña lugar nos Xardíns da Casa Grande de Viloira, desenvolvíase un coloquio.

A derradeira proposta “De Perto” será o espectáculo do narrador oral Celso F. Sanmartín, previsto para o venres 17 de xullo ás 22:30h. nas Casas Baratas.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button