DeportesÚltima hora

Publícase a nova convocatoria do Programa Xogos Deportivos Escolares con 17 deportes

Vai dirixida a fomentar a práctica do deporte entre a poboación máis nova

Xornada de atletismo en pista Xogade no pasado curso./ Foto: A.R.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria do programa Xogade (Xogos Deportivos Escolares), que medra este curso 2023-24 con 17 modalidades na actividade deportiva escolar e 39 federacións adheridas. Como novidades, a iniciativa que agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Xunta a prol da práctica do deporte entre a poboación máis nova incorpora modalidades inclusivas como o voleibol sentado ou competicións por equipos en bádminton, natación, orientación e tenis de mesa. Ademais, sumáronse as federacións de montañismo e baile deportivo.

Así, nesta edición as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol e voleibol sentado, xadrez e xogando co atletismo.

Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre seis e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades, segundo a Xunta. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das diferentes agrupacións deportivas escolares. No caso da actividade federada, tamén se sufragará un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.gal e www.deporte.gal.

Un programa consolidado

Creado na tempada 2009-10 no marco do Plan Galicia saudable, o programa Xogade consolídase cada ano na contorna escolar e deportiva. No pasado curso houbo preto de 135.000 participantes, unha cifra récord que supón que máis do 50% da poboación escolar galega tomou parte nalgunha das múltiples actividades ofertadas. Nesta liña destaca o impulso territorializado que se lle está a dar á iniciativa, coa promoción das disciplinas deportivas máis axeitadas ás posibilidades de cada zona. Canto ao financiamento, o Goberno galego investiu na pasada edición máis de tres millóns de euros, destinados na súa meirande parte á cobertura do seguro deportivo escolar.

Artigos relacionados

Back to top button