
O profesor e escritor galego Manuel Miragaia vén de publicar “O Bierzo Occidental e As Portelas. A galeguidade en Castela-León”, un libro que cualifica de “pioneiro” por ser “o primeiro que se publica sobre a parte máis occidental da comarca do Bierzo (León) e sobre a comarca das Portelas (Zamora), ambas caracterizadas pola presenza da lingua galega e a súa estreita relación histórica e cultural coa Galiza.
A obra ten sido editado en lingua galega hai só uns días pola coruñesa Editorial Medulia. “Cremos que é un libro de consulta ideal polos numerosos datos e informacións que achega sobre estas dúas comarcas veciñas”, sinala o autor, apuntando ademais que con este libro quérese “mellorar o coñecemento destas dúas fermosas e seculares comarcas, territorios que contan cunha riquísima cultura, variadas tradicións e un considerábel patrimonio material e inmaterial, sendo para destacar, de entre o último tipo, as súas falas ou variantes lingüísticas comarcais da grande lingua galego-portuguesa, merecedoras da máxima protección e apoio”.
Para a súa elaboración contou cunha ampla bibliografía, “con informacións obtidas de moitas outras fontes e coas experiencias enriquecedoras vividas en viaxes e estadías”.
No libro, con vocación de manual, aparece a xeografía física, a hidrografía, a historia, o patrimonio natural e histórico, os Camiños de Santiago, as características da súa fala, a literatura escrita en galego, a arquitectura, a etnografía, o ciclo festivo, as lendas principais, os contos populares, a mitoloxía, a gastronomía, as adegas, os produtos típicos, as festas, as rutas de sendeirismo, informacións sobre a súa realidade socioeconómica actual, as súas figuras históricas e outras curiosidades sobre os 23 concellos do Bierzo Occidental e os 4 das Portelas galegofalantes.
O volume, de 286 páxinas, recolle as informacións imprescindíbeis e os materiais necesarios para coñecer en profundidade os dous territorios. Preséntase ilustrado con fotografías en cada un dos seus apartados.
Neste momento xa está dispoñíbel para a súa venda ao público. O seu prezo é de 21,90 euros.
Imaxes cedidas.