O ermitaño narrador, o Apóstolo, o Bruxo Queiman, a Raíña Lupa, as bruxas, o dragón, os romanos e os músicos. Son os personaxes que toman parte en ‘Camiño Máxico no Pico Sacro’ o fantástico espectáculo que a compañía Queiman e Pousa estreaba onte na Rúa.
Ás nove da noite do venres 20 de setembro e baixo unha carpa pola previsión de chuvia que acababa cumpríndose, comezaba na praza de Fontei a presentación en Galicia desta peza que mestura historia, lume, maxia e lenda en torno ao Camiño de Santiago.
“Camiño Máxico no Pico Sacro” é unha obra musical que narra a historia do nacemento do Camiño de Santiago e o descubrimento da tumba do Apóstolo que remata cunha actuación musical que mestura folk e rock nun ambiente galego de contos, lendas fe e cultura, celebrando a importancia histórica e espiritual de Santiago en Galicia que conquistou ao público.
Tras unha pequena introducción musical, comeza co narrador que introduce a lenda do Apóstolo Santiago, decapitado por orde de Herodes Agripa. Os seus discípulos, guiados por Deus, trasladan o seu corpo a Galicia, onde é enterrado. A narración tamén menciona outra versión da historia na que Santiago foi enviado a evanxelizar Hispania tras a morte de Xesús. Tras o seu martirio, os seus discípulos levan o corpo de volta a España, onde a raíña Lupa intenta dificultar o seu enterro. Porén, ocorren milagres, como a transformación de bois bravos en bois mansos, o que permite enterrar o corpo do Apóstolo, sobre o cal se constrúe un mausoleo, orixe da Catedral de Santiago de Compostela.
En escena, o Apóstolo Santiago pronuncia un discurso cheo de fe e esperanza, destacando a perseveranza na adversidade pola causa de Cristo. Mentres fala, aparecen dous soldados romanos en escena e decapítano, representando o seu martirio. Despois, os discípulos Teodoro e Eutanasio levan o corpo de Santiago a Galicia nunha barca de pedra, desembarcando en Padrón baixo o goberno da Raíña Lupa. A raíña, unha figura pagá e malvada, tenta frustrar os seus plans enviándolles bois bravos para transportar o cadáver. Porén, por intervención divina, os bois amánsanse. A continuación, Lupa invítaos a descansar nunha cova, pero no seu lugar, mándalles un feroz dragón. Os discípulos, coa súa fe inquebrantable, logran apaciguar o dragón rezando o Noso Pai, o que culmina na conversión de Lupa ao cristianismo. Así, Galicia convértese nun Faro Espiritual de Europa, celebrando a memoria do Apóstolo Santiago con festividades en toda a rexión, incluíndo o Picro Sacro. E todo con música e vivo con show de queimada e exaltación da terra.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.