Quiroga forma parte da terceira edición do programa Holapueblo, unha plataforma que loita contra o despoboamento co obxectivo de atraer novos veciños a concellos de todo o territorio español con menos de 2.000 habitantes.
Nesta terceira edición foron seleccionados 80 pobos de toda España, entre os que se atopa o de Quiroga, para participar nun programa nacional que ata a data conseguiu que 19 concellos de 14 provincias gañen poboación, maioritariamente parellas de entre 40 e 50 anos e con fillos.
O Concello de Quiroga pretende ademais enlazar este programa coa posibilidade de desenvolvemento que ofrece a Aldea Modelo de Bustelo de Fisteus, que nestes momentos ten 10 hectáreas de terreo preparadas para a súa explotación.
O proxecto, ideado por AlmaNatura e impulsado por el Grupo Red Eléctrica e IKEA (coa colaboración doutras entidades), ten como propósito impulsar a repoboación nas áreas rurais facilitando o contacto de persoas que desexen facer realidade o seu proxecto de emprendemento no medio rural con pobos en busca de novos habitantes.
O compromiso que asume o Concello de Quiroga é que existan dúas vivendas que se poidan alugar, algo que pode ser en calquera lugar do municipio. Pola súa parte, a plataforma Holapueblo divulgará que Quiroga é un dos concellos seleccionados e que reúne as condicións idóneas para que persoas emprendedoras podan levar a cabo os seus proxectos.
A plataforma encárgase de mentorizar e acompañar ás persoas emprendedoras a instalarse e desenvolver as súas ideas de negocio.