ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga pon en marcha un plan de mantemento na vila

 

O Concello de Quiroga vai poñer en marcha un Plan de Mantemento da Vila de Quiroga. “A Xefatura de Estradas da Xunta de Galicia está pintando estes días as estradas que son da súa competencia na vila quiroguesa. Ademais da rúa Real son competencia da Xunta a travesía do Toucedo e a travesía da Ribeira”, explican dende o Concello. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, púxose en contacto con este departamento da Xunta para solicitarlles que acometeran esta mellora da sinalización viaria.

Co inicio deste pintado iníciase o plan de mantemento da vila quiroguesa no que se realizará unha limpeza en profundidade das beirarrúas da zona central da vila, na que se investirán preto de 20.000 euros e tamén a mellora dos elementos urbanos que están en mal estado. Ademais, os GES do Concello están levando a cabo o pintado da sinalización horizontal das beirarrúas.

A mellora dos elementos urbanos levarase a cabo nas rúa Caurel, Tallos, Pereiro, Campo da Feira e Ánxel Fole. Tamén se inclúen o parque da Igrexa, o parque da praza España, a praza Maior e os xardíns da rúa Rosalía de Castro.

Os traballos de mellora consistirán basicamente en limpeza e pintado de papeleiras e xardineiras ou a substitución das que se atopen máis deterioradas, limpeza de bancos de formigón e pintado dos de madeira, pintado e substitución de cristais nas farois e retirada de bancos ou mobiliario que entorpecen a circulación polas beirarrúas para situalos noutros lugares, como sería o caso da rúa Real á altura da gasolineira.

Tamén se contempla a mellora da iluminación da fachada da casa consistorial, iluminación para o parque infantil da praza de España, substitución da sinalización da rúa Real que o precise e a colocación dun tramo de beirarrúa na rúa Campo da Feira.

Para a realización deste Plan de Mantemento da Vila de Quiroga, que se levará a cabo nun prazo de dous meses, o concello conta cun orzamento de 48.300 €.

O orzamento total destas melloras achegarase os 100.000 euros, segundo o alcalde quirogués, estes traballos deberían estar rematados a principios do mes de abril, coincidindo coa celebración da XL Feira do Viño de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button