CulturaCulturaÚltima hora

Quiroga presenta a súa completa programación para celebrar as Letras Galegas

Exterior do Concello de Quiroga./ Cedida.

 

Con motivo da celebración das Letras Galegas o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos: un certame de narración e debuxo, unha viaxe a Santiago para ver unha obra de teatro do Centro Dramático Galego e unha representación teatral no Auditorio Municipal. No referente ao certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas está convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Quiroga na súa fase local. Neste certame poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con narracións en galego ou debuxos sobre o tema “Ler para pensar, pensar para ser libres”.

Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. No caso da narración  cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. E no caso dos debuxos deberán estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4.

Con cada traballo, acompañarase  unha folla co nome e demais datos do autor en letra maiúscula. Os traballos deben entregarse na Biblioteca Municipal antes do 14 de maio. Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos.  O xurado, formado por persoas  entendidos  na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo farase público antes do Día das Letras Galegas. Os premios consistirán en lotes de libros e diploma.

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Outro dos actos programados con motivo da celebración das Letras Galegas é unha viaxe a Santiago para asistir á representación da última  produción do Centro Dramático Galego “Os actos e as profecías”.

“Os actos e as profecías” é a gran produción central do Centro Dramático Galego deste ano, unha comedia que inventa un universo ao redor dos talent show. Conta cun elenco de 20 actores e actrices baixo dirección de Tamara Canosa, acompañada na dramaturxia por Xacio Baño. A obra que se estreaba no pasado 11 de abril, estará en cartel ata o vindeiro 26 de maio, e durante este mes e medio o Centro Dramático habilitará un autobús dende os distintos puntos de Galicia para poder asistir.
Os veciños de Quiroga que desexen asistir, poderán subirse ao autobús o xoves 16 de maio. O autobús partirá ás 15h. da tarde dende a Casa da Cultura, para poder chegar a función que comezará ás 18h. A actividade ten un custe total de 3€, e os interesados, por contar con prazas limitadas, deben anotarse canto antes na Casa da Cultura a través do 982.43.51.25 ou do correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es

E a derradeira das actividade programadas con motivo das Letras Galegas terá lugar o propio día da celebración, o venres 17 de maio. Trátase da representación teatral a cargo da compañía Tarabela Creativa “Boa sorte, mala fama”. Sempre se soubo que as andoriñas son aves de bo augurio e que alí onde aniñan traen fortuna. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as andoriñas, ganamos mala fama, alá onde fomos a buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala.

Esta obra,  que se poderá ver no Auditorio Municipal a partir das oito do serán, está organizada pola área de Normalización Lingüística, co patrocinio da área de Cultura Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial

Artigos relacionados

Back to top button