EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Quiroga presenta o completo programa da súa XLI Feira do Viño

A mostra, cuxas actividades iniciaranse co desfile da Confraría do Viño o 26 de marzo, terá como datas centrais os días 7, 8 e 9 de abril

 

Será “a Feira do Viño con máis atractivo dos últimos anos, tanto dende o punto de vista lúdico como das adegas participantes”. Así se refería o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, á XLI Feira do Viño de Quiroga na presentación desta mostra, que tiña lugar onte en Monforte de Lemos. Neste acto o rexedor estaba acompañado do coordinador xeral da comisión organizadora, José Manuel Pol; do coordinador da parte vitivinícola, Pablo González; e de varios representantes das adegas participantes.

O adegueiro Pablo González centraba a importancia da Feira do Viño de Quiroga nos colleiteiros que participaron no seu momento e agora nas adegas “que están punteiras a nivel mundial en elaboración”. Nese senso, presentaba a xornada do venres 7 de abril na que se celebrarán unhas xornadas de viticultura heroica e un túnel do viño. “Nas xornadas de viticultura heroica cun irmandamento entre a viticultura canaria e a da Ribeira Sacra, un embaixador do Cervim falará sobre a viticultura heroica e sobre o concurso mundial máis importante deste tipo de viticultura. No túnel do viño participarán tres adegas canarias invitadas a través do Cabildo Canario”.

O túnel do viño estará atendido por alumnos e formadores da Fundación Belarmino Fernández, a única escola da Ribeira Sacra de formación en cociña, servizos, viticultura e etnoloxía. “Tanto as adegas que participan no certame vitivinícola como a organización fixeron fincapé en intentar aglutinar todos os actores que van dende a produción da uva ata o servizo da botella de viño, tanto aquí como a nivel internacional”, indicaba.

Por outra banda, José Manuel Pol encargábase de presentar o programa da feira, que comezará co desfile da Confraría do Viño o domingo día 26 de marzo, a exposición “O Camiño Ilustrado” e o concurso Quiroga de Tapas, entre o 29 de marzo ata o 7 de abril. Tras a xornada dedicada a viticultura heroica o sábado 8 de abril comezará co Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas tras a inauguración da feira polo Vicepresidente 2º e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso. Actuacións no Auditorio Municipal, pregón a cargo do polifacético Carlos Sobera, presentado por José Manuel Parada e Tania Taboada; concurso de camisetas e música de todos os estilos formarán parte do amplo programa organizado para a XLI edición da Feira do Viño de Quiroga.

 

 

Por suposto José Manuel Pol destacaba a participación de once adegas de Quiroga ou que elaboran o seu viño con uvas de Quiroga, e foi máis alá co matiz de que sendo a zona dos maiores colleiteiros hai que animar a que as adegas se vaian establecendo en Quiroga. Neste punto coincidiron os adegueiros, destacando que “temos das mellores zonas para a viticultura”.

O adegueiro Pablo González cualificou a Quiroga como a “Milla de Ouro” da Ribeira Sacra. “A expansión da Ribeira Sacra, o seu crecemento pasa polos terreos de Quiroga, ninguén apostaría por unha viticultura mecanizada se a calidade non fose igual ou superior a que hai no resto da D. O. Contamos”, recalcaba, “cun terreo, cun clima, cun viñedo e cunha superficie ca que os demais non contan”.

Artigos relacionados

Back to top button