EconomíaEconomíaÚltima hora

Quiroga remataba o 2021 superando as cifras de visitantes de antes da pandemia

O Concello fai balance dos datos rexistrados na oficina de turismo e nos museos

Visitantes no Museo Xeolóxico de Quiroga./ Foto: A.R.

 

A Oficina de Turismo e os Museos de Quiroga xa teñen as cifras das visitas que recibiron ao longo do ano pasado ano. “O 2020 non ten datos comparables coas cifras acadadas no 2019 antes da pandemia, non obstante no 2021, – ano tamén de pandemia-, o número de visitantes, non son nada desprezables e incluso se superou o número de persoas que se achegaron á Oficina de Turismo en anos pre-pandemia”, tal e como indican dende o Concello.

Ademais apúntase que o 2019 foi “un gran ano, no que se viña arrastrando dende os anos anteriores un aumento da xente que se achegaba ata o noso municipio. O Museo Xeolóxico e o Etnográfico acadaron ese ano a visita de 7.000 persoas. A Oficina de Turismo recollía que máis de 4.300 persoas pasaron por esta instalación para pedir información. A estes datos hai que sumarlle as 22.000 visitas que recibiron os contidos turísticos da páxina web do concello”.

Despois chegaría a pandemia sanitaria, os toques de queda e as restricións de mobilidade, e con elas o descenso obrigado do número de visitantes. No 2020 a Oficina de Información Turística contabilizaba o paso de 822 persoas demandando información nestes instalacións.

Estas cifras volveron subir no 2021 cando polos museos de Quiroga pasaron preto de 4.000 persoas e a oficina de turismo atendeu presencialmente a máis de 4.500 persoas, superando as cifras do 2019. Tendo en conta a situación sanitaria que tamén marcou o pasado ano, e que a maioría destas cifras concentráronse no segundo trimestre do ano, estas cifras «confirman o interese que o noso territorio esperta como lugar de turismo, sobre todo nos amantes da natureza».

A ampliación do horario de apertura en época estival tanto dos museos de Quiroga como da Oficina de Turismo, coas súas portas abertas nun amplo horario de mañá e de tarde, permitiu que só nos tres meses de verán se achegaran ata as instalacións do Museo Xeolóxico e do Museo Etnográfico 1.500 persoas.

Algo no que coinciden os visitantes do noso municipio nos últimos anos, segundo os datos recollidos pola oficina de turismo, é na demanda de información sobre o que facer ou visitar en Quiroga e no Xeoparque Montañas do Courel, sobre as rutas de sendeirismo e sobre o Camiño de Inverno.

“Consciente desta demanda, o Concello de Quiroga, que conta con 7 rutas homologadas, e outras dúas compartidas, – o que o converte no concello con máis rutas con esta distinción de toda Galicia-, procura manter as rutas de sendeirismo nas mellores condicións posibles. No pasado ano sinalizouse o antigo camiño que se utilizaba para baixar o ferro do monte Formigueiros ata as ferrerías, creouse un punto de observación da antiga mina de antimonio de Vilarbacú e púxose en valor un novo forno de cal dentro do proxecto de mellora das rutas do municipio incluídas na Rede Natura 2000. E creouse tamén, entre outras cousas, unha ruta dos murais dentro do casco da vila quiroguesa”, asegura o grupo de goberno municipal.

Artigos relacionados

Back to top button