CulturaCulturaÚltima hora

Quiroga volve á época do Imperio Romano

A festa castrexo-romana Qui-Roma vén de presentar o programa súa sexta edición, prevista para o 17 de agosto
Asistentes á presentación da festa na Delegación da Xunta en Lugo.

Da man de dous dos seus personaxes, o rei castrexo “Cachelus” e o “Chiquilicuatro”, vén de presentarse nesta mañá o programa da sexta edición da festa castrexo-romana Qui-Roma, que se celebrará en Quiroga este sábado día 17. Este acto tiña lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e nel contábase coa presenza da xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, e de representantes da organización, entre eles Andrés Novoa e Manuel García.

Esta celebración, coa que a vila de Quiroga (asentada nun antigo xacemento aurífero) lembra o seu pasado romano, desenvolverase ao longo de toda a xornada do vindeiro sábado con diversas propostas como mercado, campamentos e espectáculos para públicos de todas as idades.

O programa encetearase coa terceira ruta de cabalos e haberá exposición de bois e demostración e exhibición de cetrería, así como música, mostra de tecido artesanal ou xogos infantís, entre outras propostas. A partir das 20 horas dará comezo o desfile “Arde Loucos”, que dará paso á xa tradicional loita de gladiadores que, a diferenza doutras edicións, neste ano será na praza do Auditorio. E rematará a festa cunha gran paella e unha discoteca móbil.

 

Outro dos momentos do acto.

 

Durante a presentación os organizadores resaltaban a implicación do pobo de Quiroga nesta festa de recreación histórica, con numerosos veciños que se caracterizan de castrexos ou romanos e mesmo que participan activamente nas actividades programadas. Incluso os espectáculos de loita de gladiadores “son protagonizados por xente da zona”, aseguraban.

O pasado romano deixou importantes pegadas no municipio, singularmente en forma de explotacións auríferas, entre as que destaca o famoso túnel de Montefurado. Tamén hai abundantes castros e “unha das poucas pontes enteiramente romanas que quedan en Galicia, a ponte Bibei, que une Quiroga e Trives”, sinalaron os organizadores.

Esta festa pretende poñer en valor a historia do municipio e dinamizar o turismo, nun momento fundamental no que Quiroga está a recibir notables impulsos, como o recoñecemento por parte da Unesco das Montañas do Courel como xeoparque mundial -o primeiro de Galicia en recibir este recoñecemento-, a oficialidade do Camiño de Inverno, e a declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, paso previo á solicitude da declaración como patrimonio da humanidade.

Artigos relacionados

Back to top button