Na mañá do luns 2 de xuño presentábase oficialmente o programa da LIV Festa do Peixe, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño no concello de Bande, nun acto que tiña lugar na nova senda do río Badella, un espazo recentemente recuperado para o desfrute da veciñanza.
No evento participaron representantes institucionais e de entidades colaboradoras, Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande, acompañada por membros da corporación municipal; Manuel Pardo Cid, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense. En representación de Abanca, entidade colaboradora, asistiron Mateo Alonso San Román e Andrés López Ambrosio.

Durante a presentación, deuse a coñecer o programa completo da Festa do Peixe 2025, que combinará música, gastronomía, cultura popular, deporte e espectáculos para todos os públicos.
A alcaldesa convidou á veciñanza e visitantes a sumarse á celebración. “A Festa do Peixe é unha das nosas maiores expresións de identidade e hospitalidade. Agardámosvos en Bande para vivir tres días inesquecibles cheos de sabor, música e tradición”, dixo.




