PolíticaÚltima hora

Rafael Rodríguez reúnese coa agrupación socialista do Barco

É un dos candidatos que optarán á secretaría provincial do PSdeG en Ourense

Ata a sede barquense do PSdeG-PSOE se achegaba na tarde do 12 de decembro Rafael Rodríguez, alcalde de Amoeiro e un dos candidatos que se presentan á secretaría provincial deste partido en Ourense. Alí reuníase cos militantes e, tras ser presentado polo alcalde do Barco, Alfredo García, expoñía o proxecto que defende para o partido.

Rafael Rodríguez, que leva semanas percorrendo a provincia, asegura que “o que transmitimos é que imos devolverlle o que é a Deputación ao pobo, unha cousa que nunca tivo esta provincia, desafortunadamente, porque sempre foi o gueto dunha familia”. Neste contacto directo coa militancia tamén constataba que o partido socialista en Ourense “está desestruturado. Estamos reconstruíndo neste caso o partido socialista na provincia e intentando desa maneira darlle sentido, crear un proxecto, que non o tiñamos, e animar á militancia a ver un horizonte a ano e medio vista co obxectivo final de recuperar para a cidadanía a Deputación provincial e darlle un financiamento digno aos concellos, que non distinga entre cores políticas, facer o normal”.

Este candidato tamén destaca a boa acollida que percibe da súa candidatura. “As sensacións son boas, nós empezamos como proxecto único, e en Ourense a denominada “terceira vía”, tamén chamada “Sumando” confluíu connosco, hai máis grupos e persoas na mesma liña, e todo isto sen cargo, sen silla… unicamente cunha liña política uniforme. A verdade é que iso danos moita satisfacción porque vemos que estamos empezando a unir un partido que ata o de agora estaba bastante separado”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button