ConcellosÚltima hora

Realízanse tests de coronavirus na residencia de maiores de Manzaneda

"Cremos que a prevención e detección temperá de casos é a mellor maneira de loitar contra a enfermidade", destaca o alcalde de Manzaneda

 

Ás dez da mañá deste martes 14 de abril comezaban a realizarse por parte do Sergas os test de detección de COVID-19 entre os usuarios e traballadores da Residencia da terceira idade Gabino García Fernández de Manzaneda, un concello que ata o de agora está libre de positivos de coronavirus.

“Despois de levar semanas con peticións para que se lle realizasen as probas da COVID-19 aos maiores da nosa residencia e aos traballadores, porque cremos que a prevención e detección temperá de casos é a mellor maneira de loitar contra a enfermidade, na mañá de hoxe realizáronselle as probas a todos os nosos maiores e aos traballadores que están a coidar deles. Isto é unha boa noticia, e agardamos en poucos días poder continuar dando boas noticias, que é o que todos desexamos”, sinala o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

 

 

A primeira hora de hoxe o Concello de Manzaneda, conxuntamente co da Pobra de Trives e San Xoán de Río, emitían un comunicando demandando á Xunta de Galicia a realización destes tests e incidindo en que “a anticipación e a prevención son a única maneira de salvar vidas nas residencias”. Tamén resaltaban o “esforzo que están a facer os traballadores e os residentes”.

Polo agora, tan só na residencia de maiores de Manzaneda se fixeron os tests, polo que os outros dous concellos manteñen a súa petición.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button