EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

“As negociacións non avanzan, por iso os traballadores de Irosa-Samaca decidimos manifestarnos”

Así o aseguraban os representantes do comité de empresa tras unha concentración nos Xulgados do Barco no adiantaban que van continuar mobilizándose ata o 29 de novembro

 

“Non se pode consentir este mazazo para o emprego na comarca de Valdeorras e na provincia de Ourense”. Era a mensaxe na que insistían os representantes do comité de empresa de Irosa-Samaca, durante a concentración que os seus traballadores realizaban esta mañá diante dos Xulgados do Barco berrando consignas como “Queremos traballar unha solución” ou “Irosa non se pecha”. Nela pedían unha solución á ameaza que pesa sobre os 250 empregos directos destas firmas ante a sentenza de desafiuzamento que, se non se chega un acordo entre a empresa e a Comunidade de Montes de Portela e Trigal, poderían pederse.

 

 

“A situación está moi, moi tensa. Xa estabamos agobiados porque non sabemos realmente o que está pasando, nós falamos coa patronal e pídenos que teñamos calma, que se está a tempo e que se vai solucionar, pero nós non o cremos porque xa levamos moito tempo esperando. Pedíroonos dúas semanas de tranquilidade e vemos que as cousas non están avanzando, entón xa estamos nun momento moi tenso e crítico. Os compañeiros todos estámonos facéndonos preguntas, que agora chega o 29 de novembro, que está aquí á volta da esquina, chega tamén o tema do cobro, e logo vén o Nada, ¿que vai ser de nós? ¿estaremos traballando ou estaremos na casa? Entón son moitas preocupacións e moitas familias que hai que atender, entón isto é un despropósito. Por iso chegamos a este punto de manifestarnos, imos a demostrar quen somos. As negociacións non avanzan por moito que a nós a patronal nos diga que si, non o cremos, xa non cremos nada”, aseguraba o presidente do comité de empresa (con representación de CIG e CCOO), Mon Porto.

 

 

Xunto a el, Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal de CIG Ourense, explicaba que “desconfiamos de que as negociacións non avanzan porque este tema, en teoría, estaba solucionado en marzo, cando se expropiaron os terreos, e sen embargo, o 19 de setembro púxose en marcha o procedemento para executar a sentanza de desafiuzamento. Se hoxe Irosa está traballando, é exclusivamente porque os traballadores que están aquí se plantaron e botaron fóra aos que ían desafiuzar ás empresas, senón estarían precintadas e a xente estaría pedindo o paro. E, por outra banda, hai unha situación de inxustiza moi grande e por iso estamos no xulgado, porque nestes momentos hai cerca de 5 millóns de euros en lousa na explanada de Samaca que están totalmente cautivos. É dicir, Irosa non pode vender esa lousa porque está en terreos desafiuzados, está a xente produdindo para poder traballar e cobrar o mes”.

O presidente do comité de empresa incidía en que os traballadores van seguir loitando polo seus empregos ata o final. “Pola nosa parte non imos consentir que se peche, non imos consentir que 250 postos de traballo directos e unha cantidade grandísima de postos indirectos, de provedores, clientes e demais poidan desaparecer por culpa desta situación absolutamente absurda e dun verdadeiro despropósito. Son moitas familias, teñen que chegar a un acordo entre as dúas partes, porque somos moitos os prexudicados”. E, Perez Carballo engadía que se escolleu a praza dos Xulgados como escenario desta mobilización porque “no Xulgado tómanse decisións sobre se se permite o desafiuzamento das empresas ou non, entón que dalgunha forma o xulgado vexa que os traballadores piden xustiza”.

 

 

Do mesmo xeito, este sindicalista avanzaba que “ata o 29 de novembro imos seguir facendo mobilizacións e imos seguir movendo á xente e imos seguir petando nas conciencias, eu creo que xa quedou demostrado que toda a comarca de Valdeorras apoia de forma clara e contundente aos traballadores de Irosa-Samaca, imos seguir apelando a esa solidariedade e, dende logo, o 29 de novembro se non está solucionado previamente vannos atopar alí”.

Finalmente, Anxo Pérez resaltaba que “quen está mantendo a empresa aberta e funcionando son os traballadores e aquí non se move ninguén máis que a veciñanza de Valdeorras. Se isto pasa noutra parte de Galicia, estaría toda a administración autonómica movendo ficha para salvar 250 postos de traballo, pero acontece en Valdeorras e parece que Valdeorras non existe para a estrutura política da Xunta de Galicia e para quen pode tomar decisións. Non se pode consentir este mazazo para o emprego na comarca de Valdeorras e na provincia de Ourense”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button