ConcellosManzanedaÚltima hora

Rebolo do Pazo da Pena en Manzaneda, unha das árbores senlleiras de Galicia

 

A Xunta concede unha axuda para conservar e manter o rebolo do Pazo da Pena, en Manzaneda, un dos exemplares da Galicia interior que está incluído no Catálogo de árbores senlleiras.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución da convocatoria de subvencións para apoiar as actuacións de mellora , protección e conservación, así como de divulgación, dos elementos incluídos neste inventario galego de elementos singulares, dirixidas ás entidades locais, así como aos propietarios ou entidades sen personalidade xurídica.

O rebolo da Pena é un excepcional exemplar de cerquiño (Quercus pyrenaica Will) que se atopa na entrada do pazo da Pena, en Manzaneda. Ten un tronco de grandes dimensións, que medra recto e sen se ramificar ata case tres metros de altura. A cruz está formada por oito brazos en disposición radial e inclinados cara ao exterior do exemplar, aproximadamente a dous metros vólvense ramificar, formando unha gran copa redondeada de case 25 metros de diámetro. A idade desta árbore está entre os 150 e 200 anos.

Neste caso, a axuda concedida acada o importe máximo -4.500 euros- cos que se poderán sufragar actuacións de mantemento e conservación, como a realización de podas ou control da copa, e a aplicación de tratamentos fitosanitarios. Non obstante, os traballos deberán estar executados antes do 30 de setembro.

Elementos no Catálogo de senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 182 elementos —144 exemplares e 38 formacións arbóreas— pertencentes a 79 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

Fonte: Consellería de Medio Ambiente.

Artigos relacionados

Back to top button