En portadaÚltima horaVídeos

Recollida de Aguinaldos na Festa de Reis de Chaguazoso (A Mezquita), na que sae A Rita

Tras percorrer a localidade na mañá do 6 de xaneiro, a comitiva dos Reis e tamén as Raíñas da festa acudían á misa

 

Cos tradicionais cantos casa por casa na noite do 5 de xaneiro comezaba a Festa de Reis en Chaguazoso (A Mezquita). Ao día seguinte, a primeira hora da mañá, o Rei casado, Francisco, e o Rei solteiro, Álex, encabezan a comitiva de recollida de aguinaldos, que volvía visitar cada unha das casas de Chaguazoso, onde eran obsequiados con doces e tamén licores pola veciñanza.

 

O Rei casado e o Rei solteiro de Chaguazoso (A Mezquita).

 

 

Despois ía o resto da comitiva, formada polos camareiros (cun pano cruzado no peito e cun tridente con froita ou chourizos espetados), A Rita (un home disfrazado de muller que leva un boneco e unha cesta, na que vai gardando os ovos que colle nas cociñas), os axudantes (con sacos nos que se van depositando os aguinaldos: chourizos, doces, froita ou mesmo cartos) e polos músicos, que tocan gaita, bombo e caixa.

 

 

 

Tras completar a ronda acudían á misa de Reis, onde se reunían coas Raíñas (as mulleres fan a festa pola súa conta). Logo virían os diferentes banquetes, os dos homes nun local e os das mulleres, noutro. A festa está previsto que remate mañá domingo 8 de xaneiro.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

A comitiva dos Reis de Chaguazoso antes de entrar na misa do día Reis.

As Raíñas da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Rita de Chaguazoso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button