“Pola porta grande e coa satisfacción do deber cumprido”, así remata Julio Cao Castro, segundo as palabras do alcalde Álvaro Fernández, o seu labor como traballador do Concello da Rúa, onde se xubila aos 65 anos. E como recoñecemento a ese labor realizado na entidade municipal, sobradamente o vencellado ao cine durante 27 anos, recibía de mans do propio alcalde e do concelleiro de Cultura e Deportes José Vicente Solarat, sendos detalles.
O acto tiña lugar na tarde deste luns 8 de novembro, intres antes de comezar o Pleno ordinario, sendo Solarat o primeiro en entregarlle o agasallo, un fotograma do filme Cinema Paradiso “pola súa vinculación co cine”, dixo. De seguido era Álvaro Fernández quen lle entregaba a placa do Concello en nome de toda a corporación municipal que aplaudía a Julio despedíndoo entre abrazos e parabéns, de feito varios dos presentes foron alcaldes na Rúa nestes case 30 anos.
Julio Cao entrou a traballar no Concello da Rúa no ano 1993, sendo o cine, primeiro o Rialto na rúa Doutor Vila e dende 1998 xa no actual Centro Cultural Avenida na rúa Progreso, o seu principal lugar de traballo. Aí chegou a encargarse practicamente de todo, de acomodador, da atención da taquilla e xa nos últimos anos, antes da era dixital, das proxeccións. Traballos que nos útlimos catro anos compaxinaba cos labores propios da brigada municipal.
Despois de 27 anos vinculado ao Concello, Julio deixa o seu posto contento porque xa lle tocaba pero tamén con certa nostalxia, lembrando Titanic como un dos filmes máis taquilleiros “non só a nivel nacional senón tamén aquí, na Rúa, foi unha das películas que máis xente meteu na sala”, asegura este rues que agora terá máis tempo para adicarlle aos seus netos e a outra das súas afeccións, o fútbol, como porteiro do CD Rúa, primeiro do equipo sénior e despois dos veteranos.
Fotos: Mónica G. Bellver.