OurenseÚltima hora

Récord de matrículas en UNED Sénior Ourense

O curso académico 2024-2025 para os maiores de 55 anos comezará con 115 persoas rexistradas, que suman 230 matrículas, "a cifra máis alta nos anos que leva prestando este servizo formativo na cidade das Burgas"

 

UNED Sénior de Ourense bate este ano o seu récord de persoas interesadas ao alcanzar as 115. “É a cifra máis alta nos dez anos que leva prestando servizo na cidade”, din dende o centro, destacando que para o curso 2024-2025 as prazas esgotáronse con celeridade.

“Esas persoas que apostaron por facer os cursos de UNED Sénior en Ourense deron lugar a 230 matrículas en diversas materias”, aseguran, destacando a modo de anécdota que “as materias relacionadas coa arte cubríronse nunha hora”, repuntando o interese por pertencer a esta sección de estudantes veteranos. UNED Sénior Ourense permite aos maiores de 55 anos, cursar unhas materias que eles elixen por votación dunha oferta que lles fai a Universidade. Non son ensinos regrados, isto é, non hai exames nin título oficial.

Cada participante goza aprendendo conceptos daquelas materias que son do seu interese. UNED Senior Ourense favorece o contacto entre as persoas xubiladas ou a piques de selo, establecendo entre elas lazos de amizade, compañeirismo, e desenvolver inquietudes para estar activos e seguir gozando daquilo que nos seus anos laborais non puideron dedicarlle tempo. Non hai límite de idade nesta sección. _Os estudantes ao longo do curso participan en diversas saídas culturais, ben sexa para ver patrimonio histórico ou para accións relacionadas coa natureza e o medio ambiente.

 

 

“Esta cifra de matrículas reflicte a seriedade e o nivel das materias que se imparten grazas ao bo facer do cadro de persoal do profesores titores con que conta UNED Sénior Ourense”, sinala o director, Jesús Manuel García. “E xunto a eses docentes, hai que destacar igualmente o bo traballo desenvolvido polo persoal do Centro Asociado ourensán e a coordinación, que leva a cabo con verdadeiro esmero a profesora María Concepción Álvarez López,” engade o director.

UNED Sénior é un programa formativo dirixido a esas persoas maiores de 55 anos que buscan completar a súa experiencia profesional e coñecementos previos, sexan cales sexan, cunha formación que lles permita actualizarse e adquirir unha maior comprensión e participación na sociedade actual.

Artigos relacionados

Back to top button