
Redrum Teatro inicia hoxe unha residencia artística de tres semanas no Auditorio Municipal de Rianxo para encarar o treito final de ensaios da que será a súa nova montaxe: Un home con lentes de pasta. Dirixida por Alex Sampayo, a obra trae ao galego unha comedia surrealista escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría ou Ruz-Bárcenas.
Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González conforman o elenco dunha peza que pon o foco nas relacións persoais e no efecto que teñen sobre elas as aparencias, o narcisismo, a manipulación e a impostura. Un xogo escénico repleto tanto de crítica coma de ironía sobre a camuflaxe e as súas costuras que Redrum estreará no Teatro Principal de Ourense os días 7 e 8 de maio.
A obra, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da Agadic e coa colaboración do Concello de Rianxo a través desta residencia artística, preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra un vello desexo: escribir. Traerán a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos. Pero a Guillerme non o van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis. E Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.