Concellos

A reforma das piscinas municipais e os desbroces centran o pleno de Barbadás

O hemiciclo dá luz verde á aprobación inicial da ordenanza municipal do servizo de autotaxi coa abstención do PP
Un momento do pleno de onte, no Concello de Barbadás.
Un momento do pleno de onte, no Concello de Barbadás.

O Concello de Barbadás celebrou onte a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xullo cun debate que se atascou especialmente nunha das mocións que presentaba o Partido Popular sobre os desbroces no campo de fútbol de Bentraces. Tamén a reforma das piscinas municipais acaparou a atención dos partidos que conforman o hemiciclo, coas queixas veciñais como punto de partida.

A sesión daba comezo ás 19:30 horas cunha orde do día que contiña dúas mocións do PP e unha de Democracia Ourensana (DO). Así, tras a aprobación da acta anterior, o debate centrouse primeiramente na ordenanza municipal do servizo de autotaxi do Concello, que foi aprobada cos votos do PSOE, BNG, DO e Compromiso por Barbadás. Os populares abstivéronse.

Logo debateuse a moción de DO, na que plantexaba queixas dos veciños no marco das pasadas festas patronais da Valenzá. O grupo pediu ao goberno local que se reduzan os horarios das verbenas para facilitar o descanso dos cidadáns e a limpeza inmediata das rúas, así como a instalación de urinarios públicos. Foi aprobada por unanimidade.

En canto ás mocións do PP, a primeira tamén foi apoiada por todos os grupos políticos. Deste xeito, o Concello deu luz verde para adherirse ao programa de cooperación da Deputación para instalar desfibriladores.

No entanto, o debate complicouse coa segunda das mocións, na que os populares pedían ao goberno local o acondicionamento do campo de fútbol de Bentraces. Queixáronse do “abandono” das instalacións e pedían máis desbroces na zona. Neste punto, o equipo de goberno insistiu en que a limpeza na contorna se fixera varias veces e asegurou que no campo non se poden acometer actuacións deste tipo: “é propiedade privada”, explicou o tenente alcalde, o nacionalista Xosé Manuel Fírvida.

Por último, as piscinas municipais acapararon o último debate dun pleno que se alongou até as 22 horas. O edil de Compromiso por Barbadás planeou levalas pola vía de urxencia para reclamar ao goberno local o arranxo dos desperfectos que di que volven rexistrar as instalacións tras a recente reforma acometida. Pola súa banda, o goberno replicou que a empresa responsable da obra recoñece a situación e asume a responsabilidade, polo que están pendentes de volver a actuar. Mais ao estar en plena tempada estival, explicaron que agardarán para non pechar as instalacións e evitar así deixar sen servizo aos veciños. Foi aprobada por unanimidade.

Artigos relacionados

Back to top button