OurenseÚltima hora

Un xabarín vestido de superheroe protagoniza o cartel do Entroido 2025 de Barbadás

A gañadora do concurso, xunto co alcalde e a concelleira de Cultura.

 

Barbadás conta za co cartel oficial para anunciar o seu Entroido. O xurado do concurso convocado polo Concello escolleu por unanimidade a proposta de Patricia Antonela Julia Siracusa coa súa obra Volverei.

O certame ten un premio de 500 euros e contou cun total de catro obras presentadas. O cartel gañador destacou pola súa “creatividade e orixinalidade”, ademais de integrar un elemento representativo do municipio cun toque de humor: un xabarín situado na emblemática Glorieta da Familia, na Valenzá. “Este animal, que convive cos veciños e veciñas de Barbadás, simboliza a esencia do Entroido e a conexión coa comunidade”, aseguran dende o Concello.

A gañadora do concurso, Patricia Antonela Julia Siracusa, expresou a súa satisfacción por recibir este recoñecemento. “Quero expresar o meu máis sincero agradecemento por este premio, non só como deseñadora gráfica, senón tamén como veciña e parte da gran familia de Barbadás desde hai máis de 15 anos. O Entroido de Barbadás é unha tradición que levo no corazón, porque non só obsérvoo desde fóra, senón que o vivo con paixón desde dentro xunto á miña familia, veciños e amigos. Esta conexión profunda cos nosos costumes e o ambiente festivo permitiume capturar e transmitir o verdadeiro sentimento que se respira nestas datas tan especiais”, dixo.

 

 

Siracusa explicou que o protagonista do cartel, un xabarín transformado nun superheroe cunha galera máxica e lentes ao estilo Matrix, simboliza que no Entroido todos son benvidos a participar e reinventarse. “Este personaxe representa a esencia mesma do Entroido, a liberdade de ser o que queiramos por uns días e gozar sen límites xeracionais. A súa historia é sinxela pero poderosa: cóase no desfile porque non pode resistirse á enerxía e alegría que envolve a Barbadás durante o Entroido. Quere ser parte da festa, como un veciño máis”, dixo. Ademais, destacou que o fondo urbano do cartel fai unha “chiscadela ás rúas do municipio, que se transforman completamente durante o Entroido, unindo a toda a comunidade baixo un mesmo lema: a diversión, a creatividade e o espírito compartido”.

“Este cartel é a miña pequena homenaxe á nosa festa, á nosa xente e a todo o que fai único ao Entroido de Barbadás. Grazas de corazón!”, concluíu Siracusa.

Artigos relacionados

Back to top button