En portadaÚltima horaVídeos

Tres días de loito e bandeiras a media hasta no Concello do Bolo polo asasinato dunha veciña das Ermidas

 

Tal e como estaba previsto e “debido aos tráxicos acontecementos acaecidos o 6 de abril de 2025”, no mediodía deste luns día 7 o Concello do Bolo aprobaba por unanimidade, nunha sesión plenaria extraordinaria, “declarar loito oficial de tres días que comezará hoxe ás 14 horas e estenderase ata o 9 de abril ás 23:59 horas”. Durante os mesmos as bandeiras en todos os edificios municipais ondearán a media asta.

 

 

A corporación municipal tamén amosaba publicamente a condolencia do Pleno e toda a veciñanza do Concello do Bolo á familia da falecida, convocando un minuto de silencio para mañá, martes día 8 de abril de 2025 ás 12 horas diante da Casa do Concello.

En declaracións aos medios, o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, amosábase consternado e sorprendido polos feitos. “Ninguén podía esperar unha cousa así, nun concello como este, con pouca xente e no que todos nos coñecemos de vista e trato. É moi duro”, dicía antes de entrar ao Pleno.

 

 

Pola súa banda, desde o Grupo Municipal do Partido Popular do Bolo, o voceiro Antonio López expresaba a súa “firme condena e fonda tristura polo crime machista acontecido o pasado domingo na parroquia das Ermidas, onde unha veciña do noso concello de 76 anos, foi asasinada presuntamente pola súa parella”.

 

 

Trasladaban o seu “máis sentido pesar á familia da vítima, e tamén á veciñanza das Ermidas, que está a vivir con dor e incredulidade unha perda que nunca debera terse producido”, asegurando que “un crime como este non pode pasar sen unha resposta contundente e comprometida por parte de todos os poderes públicos”. A violencia machista non entende de lugares, nin de idade, nin de circunstancias. Acontece tamén nos pobos pequenos, nos que moitas veces a falta de recursos, o illamento e o medo fan máis difícil que as vítimas poidan dar o paso de pedir axuda. “Por iso, desde o Grupo Municipal do Partido Popular do Bolo reclamamos a implicación decidida e urxente de todas as administracións: local, autonómica e estatal, para que se reforcen os medios de prevención, de atención e de protección fronte á violencia de xénero, especialmente no rural”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button