SanidadeÚltima hora

Remata a obra de substitución integral da cuberta do Centro de Saúde de Castro Caldelas

A obra supuxo investir preto de 200.000 euros, dos que o 75% procederon de fondos autonómicos, tal e como recollía o convenio asinado entre Xunta e Concello

 

Esta mañá o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, supervisaban a finalización da obra de substitución integral da cuberta do centro de saúde desta localidade. Na visita estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polas directoras asistencial e de recursos económicos da área sanitaria ourensá, Mar Vázquez e Loli Durán, así como do xefe de servizo do propio centro, o doutor Carlos Moral.

O orzamento executado foi de preto de 200.000 euros, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Debido ao elevado importe da reforma, neste convenio non se aplicou a regra de cofinanciamento ao 50% que adoita rexer os acordos para reformas en centros de saúde de titularidade municipal. Polo tanto, o Sergas achegou o 75% dos fondos.

Pola súa banda, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

 

 

As obras de reforma consistiron, en primeiro lugar, no levantado de toda a cubrición existente de chapa metálica e vidro nas partes acristaladas, así como no levantado de canles e baixantes existentes. Despois revisouse o estado no que se atopaba a estrutura portante da cuberta para a súa reparación. A continuación tivo lugar o replanteo de pendentes e colocación de canles, garantindo a súa correcta evacuación cara ás baixantes existentes, ou a proposta de novos puntos de evacuación de auga. Por último, recolocouse a nova cubrición de chapa metálica de dobre capa con illamento intermedio, coa oportuna execución de remates, axustes, pezas especiais e posta en servizo.

Esta actuación permitiu deste xeito rematar cos problemas de filtracións e humidades que sufría o centro por mor de vicios construtivos producidos no momento da súa execución.
Colaboración cos concellos

 

Artigos relacionados

Back to top button