En recordo da peregrinación que o bispo Alonso Messía de Tovar facía no ano 1624 dende San Miguel de Bidueira (Manzaneda) ata o Santuario das Ermidas (O Bolo), un cento de persoas iniciaban na mañá deste xoves 22 de agosto a andaina organizada polos Concellos do Bolo e Manzaneda, do propio Santuario e do Bispado de Astorga.
A actividade, unha máis da celebración do 400 aniversario do inicio das obras do Santuario, comezaba ás 8 da mañá na Área Recreativa do Bibei, nas Ermidas, onde un autobús recollía á xente ata o inicio da andaina, na igrexa de San Miguel de Bidueira. Alí, era a guía do Concello do Bolo, Soledad Figueroa quen recibía aos participantes entre os que están os alcaldes do Bolo e Manzaneda, Alberto Vázquez e Amable Rodríguez; o bispo de Astorga, Jesús Fernández; o arcipreste de Galicia, Juan José Prieto; e os administradores do Santuario das Ermidas, José Antonio Crespo e Francisco Requena.
Acompañando na ruta están tamén membros de Protección Civil dos concellos de Manzaneda e O Bolo.
Trala presentación e a intervención do propio bispo, os camiñantes comezaban a ruta cun percorrido aproximado de 9 quilómetros, que discorre por sendeiros pasando por San Vicenzo e As Escadas, cunha duración aproximada de catro horas.
Fotos e vídos cedidos.