
Na tarde deste martes 22 de setembro, unha muller que se atopa “consciente e orientada” era rescatada do interior dun pozo en Castrelo de Miño, segundo informan dende o 112 Galicia que, preto das 16 horas recibía unha chamada de auxilio “por unha persoa que caera nun pozo no lugar de Meizo manténdose agarrada á parede do goio, pero sen capacidade para saír do buraco”, tal como indicaba o alertador.
Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pedía a colaboración dos voluntarios de Protección Civil de Castrelo de Miño, dos Bombeiros do Carballiño e dos membros do GES de Ribadavia. Con todo, “á chegada dos equipos de rescate, a persoa conseguira saír coa axuda dos voluntarios. Iso si, necesita asistencia médica, polo que, segundo informaba Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ía unha ambulancia en camiño para a valoración médica da muller ferida”.