ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Rescatan ao único ocupante dun vehículo no fondo dun barranco tras saírse da vía en Viana do Bolo

 

Na madrugada deste domingo 28 de febreiro a Garda Civil rescataba ao único ocupante dun vehículo no fondo dun barranco tras saírse da vía en Viana do Bolo, un home que, tal como indican dende o 112 Galicia “con toda a posibilidade, segundo informaron os axentes, saíu do coche a través do río, logo de bater contra unha árbore, precipitarse por un desnivel e rematar envorcado a carón do río”.

En torno ás cinco e vinte a Garda Civil poñíase en contacto co 112 Galicia para solicitar medios por mor dunha saída de vía. “Indicaba que o vehículo batera contra unha árbore e escoitaban como unha persoa pedía axuda, en Viana do Bolo, pola pista que vai a Fornelo de Coba, a carón do río”, indican dende o 112, engadindo que ademais “un alertador comunicaba que a persoa non estaba atrapada, de feito, aseguraba que estaba fora do coche ao fondo dun barranco e fora do río. Sen embargo, indicaba que o coche sinistrado podía estar ao outro lado do embalse”.

A partir de aí, desde o 112 activaban un dispositivo de intervención, informando ademais de ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos membros do GES de A Veiga. Os axentes de Tráfico xa se atopaban no lugar dos feitos.

“Finalmente non foi precisa a intervención do GES xa que os axentes da Garda Civil localizaron e rescataron ao home, que foi evacuado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Con todo, segundo indicaron, o seu estado non parecía revestir gravidade”, conclúen dende o 112 Galicia..

Artigos relacionados

Back to top button