Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Respaldo contundente á nova dirección do BNG, encabezada por Ana Pontón

Publicidade
A candidatura presentada ao Consello Nacional conseguía o apoio do 98,23% das bases na XVI Asemblea Nacional celebrada pola formación nacionalista na Coruña

“Aquí está o BNG! En pé, forte, unido, loitando por Galiza, actuando na sociedade, con iniciativa política. Aquí está o BNG!”. Ana Pontón lanzaba esta mensaxe no inicio do seu discurso tras ser reelixida, cun destacado respaldo,
como portavoz nacional do BNG. A súa intervención clausuraba a XVI Asemblea Nacional que se celebraba na Coruña na fin de semana do 25 e 26 de marzo coa asistencia dunhas 2.000 persoas, entre elas representantes do partido en Valdeorras, Verín e noutros puntos da provincia de Ourense como Baños de Molgas e Allariz.

Así a candidatura de consenso que se presentaba á dirección do Consello Nacional da formación, encabezado por Pontón, conseguía o apoio do 98,23% das bases, con 1.112 votos a favor, 1 en contra e 19 abstencións. A nova dirección pasa de 15 a 19 membros, consolida a renovación xeracional sen renunciar á experiencia e conta coa presenza dos ourensáns Noa Presas, Francisco García, Daniel Gómez, Ximena González, Diego Lourenzo e o valdeorrés Suso Vilasánchez.

Nun ambiente de satisfacción e entre aplausos discorría o acto de clausura, que presentaba Olalla Rodil pasadas as cinco da tarde. Comezaba coa lectura das resolucións da asemblea, a primeira das cales aludía ao “dereito a unha vida digna no rural” e rexeitaba a supresión de dez rexistros da propiedade, por parte do goberno central, no rural galego. Tras saudar a diferentes representantes de formacións políticas e doutras entidades convidados no acto, Rodil dáballe a palabra a recén reelixida portavoz nacional, Ana Pontón, que estará á fronte da dirección do BNG durante os próximos tres anos.

Pontón lembraba que “hai un ano, nesta mesma cidade celebrábamos unha asemblea nun momento crucial para o BNG. Eran momentos confusos e de desorientación. O BNG era un barco á deriva e con risco de afundirse. Dende fora e dende dentro había quen nos daba por mortos e enterrados. Pois, nin mortos nin enterrados. Vivo e forte está hoxe o BNG!”. Tamén confesaba que tivo “moitas dúbidas, grandes incertezas e enormes temores para presentarme á portavoz nacional” e que finalmente decidiu facelo por dúas razóns fundamentais: “a primeira a fortaleza, a ilusión, a firmeza das persoas que me acompañaban na Executiva e no Consello Nacional, que me convenceron de dar o paso. A tarefa tiña que ser colectiva, ningunha persoa por si soa podía reverter a situación”. E o segundo motivo “sodes os galegos e galegas de nación, que dades o mellor de vós cada día por este proxecto. É un orgullo compartir militancia con vós”. Ademais amosaba o seu agradecemento “na cidade que veu nacer ao BNG hai 35 anos” aos “homes e mulleres que loitaron dentro desta casa, o tempo que fose, e na época que fose”.

Tamén recordaba que hai un ano “abrimos o Proceso Adiante para analizar a situación que atravesábamos e buscar alternativas” e que “chegamos á conclusión de que o máis revolucionario que se pode facer neste intre histórico é poñer o país a producir, modernizar a nosa economía, aumentar a nosa autoestima e a conciencia nacional. E isto só o pode facer alguén que crea nas nosas posibilidades como pobo, pode facelo o nacionalismo organizado que representa o BNG”. Pontón incidía ademais en que “temos as portas abertas á sociedade, a todas as persoas que cren neste país, que traballan e loitan para erguelo, todas, absolutamente todas, teñen cabida nesta casa. As portas do BNG están abertas para todas as persoas que antepoñen os intereses de Galiza”.

A asemblea concluía cun aplauso homenaxe a Elvira Varela, “filla de militantes das Irmandades da Fala”, e cunha fotografía da nova dirección do BNG coas persoas que hai 35 anos estaban no Frontón da Coruña e fundaban o BNG. Ademais do forte apoio á nova dirección, a militancia tamén deu un amplísimo respaldo ao informe de xestión do Consello Nacional saínte, -cun 98,57% de votos afirmativos-, ás teses políticas, -96,8% das papeletas de si-, e aos novos estatutos, -97,34% de votos a favor-.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button