ConcellosÚltima hora

Restrínxese a entrada e saída de persoas de Ponferrada como medida fronte ao Covid

É unha das novas medidas anunciadas pola Consejería de Sanidad que se aplicarán a partir do próximo venres e que terán unha duración de 14 días

A cidade de Ponferrada.

 

Ante a evolución da pandemia do coronavirus no municipio de Ponferrada, na veciña comarca do Bierzo, a Junta de Castilla y León decidiu adoptar unha serie de medidas restritivas, que serán publicadas no Boletín Oficial de Castela e León, na súa edición de mañá, 22 de outubro. Entrarán en vigor a partir das 00 h. do próximo venres, 23 de outubro.

“As accións implementadas para Ponferrada e o seu termo municipal poñen o foco sobre a limitación da mobilidade dos cidadáns e sobre restricións ao contacto social, ademais outras intervencións específicas referidas a aforos máximos, distancias e horarios, co fin de limitar a transmisión comunitaria do SARS- CoV-2 e evitar novos contagios e brotes da enfermidade, ingresos hospitalarios e falecementos. A actual situación epidemiolóxica da capital berciana rexistra incidencias acumuladas superiores aos 500 casos por cada 100.000 habitantes; máis dun 10 % de probas PCR positivas nos últimos días; e un nivel de ocupación dos servizos de UCI de referencia superior ao 35 %”, tal e como informa a Consejería de Sanidade desta comunidade autónoma.

De acordo con estas modificacións que se aplicarán, as reunións de carácter familiar ou social limítanse a un máximo de seis persoas e prohíbense tanto o consumo en barra en establecementos de hostalería, de restauración e sociedades gastronómica e como fumar en terrazas ao aire libre, decisións adoptadas para o conxunto territorial castelán e leonés.

As actuacións para aplicar a capital berciana e no seu termo municipal refírense aos seguintes ámbitos:

1) Medidas específicas preventivas en relación co contacto social: “Restrínxese a entrada e saída de persoas en Ponferrada (León) e o seu municipio, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos: asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios; cumprimento de obrigacións laborais, profesionais, empresariais ou legais; asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de Educación Infantil; retorno ao lugar de residencia habitual; asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; para desprazarse a entidades financeiras e de seguros; para realizar actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais; para realizar renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables; para realizar exames ou probas oficiais inaprazables; por causa de forza maior ou situación de necesidade; e por calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

A circulación por estrada e viais que transcorran ou atravesen este ámbito territorial municipal estará permitida a condición de que teñan orixe e destino fóra do mesmo.

Permítese a circulación de persoas residentes, sempre respectando as medidas de protección individual e colectiva establecidas polas autoridades sanitarias competentes, aínda que se desaconsella á poboación os desprazamentos e realización de actividades non imprescindibles.<

Suspéndense as visitas nos centros residenciais de persoas maiores, salvo circunstancias individuais nas que sexan de aplicación medidas adicionais de coidados e humanización ou situacións de final da vida, que adoptará a dirección do centro. Así mesmo non se permiten as saídas dos residentes fose do recinto da residencia, salvo para acudir ao médico e similares ou situacións de forza maior.

2) Ademais establécense medidas específicas preventivas en relación a aforos máximos, distancias e horarios.

O prazo inicialmente previsto de aplicación destas medidas é de catorce a contar desde a data da súa entrada en vigor, co que a súa extensión temporal alcanzará ata o 5 de novembro inclusive.

 

Artigos relacionados

Back to top button