Concellos

Reunión da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais con alcaldes ourensáns

Segundo a Xunta, "o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada"

Un momento da reunión celebrada en Ourense.

 

Na mañá deste martes 11 de xaneiro, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantiña un encontro con alcaldes e representantes de varios municipios da provincia de Ourense, entre eles os de San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Montederramo, para informarlles sobre os parques eólicos en tramitación. Na xuntanza, na que participaba tamén o delegado da Xunta, Gabriel Alén, Paula Uría trasladoulles o compromiso da Xunta coa “transparencia e a cooperación entre administracións para lograr un desenvolvemento do sector eólico ordenado e sustentable”.

Paula Uría subliñou que a Xunta ten claro que “o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada, que permita achegar seguridade xurídica ao sector, ao mesmo tempo que dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural”. E, con ese obxectivo, lembrou que a Administración autonómica “decidiu establecer unha moratoria de ano e medio que acaba de entrar en vigor este mesmo mes, para poder tramitar coas máximas garantías os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa e que suman 7200MW”.

 

Paula Uría con Gabriel Alén durante o encontro.

 

Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, destacou que “a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aparello, logrando así un menor impacto visual”.

Paula Uría lembrou tamén que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas. “Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que, antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar”.

 

Alcaldes ourensáns asistentes ao encontro.

 

Neste sentido, tal como adiantou en Ourense, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para “facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados”, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–.

Artigos relacionados

Back to top button