En portadaÚltima hora

Reunión da veciñanza de San Vicente cos técnicos da Deputación este mércores

A estrada desta localidade sofría un novo desprendemento o pasado venres na zona do Mazo

 

Pendentes da reunión cos técnicos da Deputación de Ourense está a veciñanza de San Vicente de Leira (Vilamartín). A estrada desta localidade sufría un novo desprendemento o pasado venres (o segundo en apenas un mes) desta volta na zona do Mazo, sen que, afortundamente houbera que lamentar ningún dano persoal.

“Temos reunión este mércores co deputado Pablo Pérez xunto cos veciños de San Vicente para que nos expliquen os técnicos da Deputación que é o que teñen pensado de cara ao futuro”, informa o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro. Esta xuntanza estaba inicialmente prevista para hoxe luns, pero tivo que ser posposta.

O rexedor lembra que hai uns “25 días caíu un barranco importante e o venres caeu outro, bastante máis importante aínda, que provocou unha onda de auga moi grande que o que fixo foi arrastrar moitísima maleza, árbores enteiras, etc. Iso foi polo río do Mazo e veu ata A Rodeleira. Este é un problema moi serio e é necesario que, máis pronto que tarde, os técnicos da Deputación se poñan dunha vez por todas, a ver que nos explican o mércores. O que esperamos é que de verdade se poñan co proxecto que hai enriba da mesa”.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Enrique Álvarez sinala que “o que faltaba era facer as expropiacións e, segundo os técnicos, parece ser que onde hai que facer o recheo esas expropiacións xa ten feitas. Polo tanto, o que lles queda é empezar a facer traballos, empezar a licitar obra, para iso terán que ter partida orzamentaria. Aquí hai algo que é de última hora, parece ser que a canteira está disposta a facer o recheo, se é así, en principio o que se necesita é ter o proxecto en condicións e os técnicos que o sigan, pero non tería que pór cartos a Deputación. Por iso cremos que xa non hai máis desculpas, entendo que é o momento de que se poñan a facer os traballos. É importante facelos no verán, polo menos unha entrada de emerxencia no pobo, para que no inverno se poida entrar en caso de que houbera unha emerxencia”.

Artigos relacionados

Back to top button