OurenseÚltima hora

Reunión do delegado do Goberno en Galicia co presidente da Deputación

Na xuntanza analizaban temas de infraestruturas, como o AVE e a mellora de estradas; medioambientais, relativos aos incendios forestais, e demográficos
Reunión do delegado do Goberno co presidente da Deputación en Ourense.

No Pazo Provincial recibía na mañá do 5 de setembro o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Na xuntanza analizaban temas de infraestruturas, como o AVE e a mellora de estradas; medioambientais, relativos aos incendios forestais, e demográficos.

O presidente do goberno provincial agradeceu a Javier Losada “este xesto institucional de achegamento á realidade da provincia de Ourense, inaugurando unha etapa de máxima cooperación, que suma e multiplica, conciliando os intereses xerais de España, que son os de Galicia e os de Ourense”.

Javier Losada, quen na súa visita asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense, agradeceu a hospitalidade do presidente Baltar, “o que nos permite manter esa relación achegada aos cidadáns e as administracións”.

O delegado do Goberno en Galicia destacou no tema do AVE “o compromiso do Goberno de España con Galicia de que en 2019 Ourense estea a dúas horas de Madrid”, e remarcou “o compromiso de mellorar a rede viaria, como tamén o está a facer a Deputación nas estradas que lle corresponden”. Na reunión, Baltar e Losada tamén falaron das axudas aos concellos afectados polos incendios forestais do ano pasado, e de seguir avanzando no tema demográfico, para que o financiamento teña en conta políticas de envellecemento e de dispersión xeográfica.

Artigos relacionados

Back to top button