Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Reunión do delegado do Goberno en Galicia coa alcaldesa de Trives

Ademais mantiña unha xuntanza coa candidatura do partido socialista ás vindeiras eleccións municipais

 

O delegado do Goberno en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro, trasladábase ata Trives no mediodía deste 18 de maio, onde era recibido pola súa alcaldesa, Patricia Domínguez. “Abordamos as actuacións que o Goberno de España ten realizado nestes anos en relación co Concello de Trives, entre elas unha aposta pola eficiencia enerxética con alumeados que son moito máis eficientes e que redundan en que a veciñanza teña que pagar menos polo consumo da enerxía eléctrica; ou a aposta tamén polo comercio a través dun proxecto dos fondos de recuperación do goberno que veu tamén para Trives”, indicaba o delegado do Goberno en Galicia.

 

 

Así mesmo na xuntanza falábase sobre proxectos de futuro como son “a recuperación da senda do Fiscaíño, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e a aposta da conexión coa A-76, que creo que esa é a cuestión que preocupa máis dende o punto de vista de saída a esa nova infraestrutura. Nese senso trasladarei o compromiso do Goberno en impulsar ese tipo de conexións porque creo que son as que sitúan a espazos como Trives moito máis cerca das grandes vías de comunicación. Iso é extraordinariamente importante para recuperar, para manter e para potenciar tamén as partes do interior de Galicia”, incidía Gómez Besteiro.

 

 

Tras ser recibido pola alcaldesa de Trives, Gómez Besteiro mantiña unha xuntanza con membros da candidatura socialista ás vindeiras eleccións neste municipio e con militantes do partido.

“Quero agradecer a visita do delegado do Goberno, ao que lle teño especial estima e admiración, coñézoo dende hai moitos anos e estamos encantados de que nos acompañe en Trives hoxe”, dicía Patricia Domínguez. “Daremos un percorrido pola vila, amosarémoslle por onde transcorrerá a senda do Fiscaíño e imos a ver ese viaducto que, se gobernamos e eu creo que si, será unha realidade nos vindeiros anos”.

 

 

Mitín o 19 de maio, no Auditorio

Por outra banda, mañá 19 de maio o partido socialista celebrará un mitin a partir das 20:15h. no Auditorio Julio Vázquez de Trives no que se contará coa presenza do ex presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe. No acto intervirá a cabeza de lista do PSdeG-PSOE, e actual alcaldesa, Patricia Domínguez; e membros da súa candidatura.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button