OurenseÚltima hora

Reunión dos socios do proxecto europeo “Raia Termal” para valorar as actuacións programadas

Publicidade
Este encontro, celebrado en Ourense, estivo presidido polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
Imaxe da reunión.

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), vén de presidir a reunión da xunta directiva do proxecto Poctep “Raia Termal”, órgano de decisión encargado de velar pola correcta execución do proxecto e de interlocución co Secretariado Técnico Conxunto Interreg España-Portugal, responsable da xestión e seguemento do Programa Operativo Europeo.

A este encontro, celebrado en Ourense, asistiron a deputada provincial de Termalismo en representación do presidente da Deputación e varios representantes das Cámaras Municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro, ademais dos membros da Unidade de Xestión e Coordinación do proxecto os cales deron conta dos avances nas distintas accións a este órgano de decisión.

O director do proxecto informou do estado das obras máis importantes como son a construción dun azud desmontable no río Caldo e unha ciclovía dende a área recreativa termal ata o roteiro termal Da Devesa en Lobios, proxectos que se encontran en redacción; varios sendeiros fluviais en Muíños para os que se está tramitando un convenio de colaboración que posibilite a súa execución e posterior entrega ao Concello; no Concello de Bande estase tramitando a construción dunha zona de autocaravanas próxima á área termal existente, proxecto que vai sufrir modificacións para posibilitar a súa autorización, segundo informa a confederación.

A xunta directiva deu luz verde á presentación dunha solicitude de modificación substancial do Proxecto Raia Termal dirixida, fundamentalmente, a pasar un 30% da anualidade de 2018 a 2019, o máximo permitido pola normativa o que posibilitará a execución das actuacións no prazo, “tendo en conta que a presentación do proxecto realizouse en decembro de 2015 e foi notificada a súa aprobación en maio de 2017, o que produciu un notable retraso na execución”, segundo a CHMS.

Ademais deuse o visto bo ás xestións previas para a celebración, en Ourense, dun evento de carácter internacional sobre termalismo durante o terceiro trimestre de 2019, á presenza de “Raia Termal” nas feiras de INTUR-2019, BTL-2019 e FITUR-2019, e ao de varias liñas de publicidade do territorio “Raia Termal” a través do termalismo de fronteira para posicionalo como destino turístico.

Artigos relacionados

Back to top button