OurenseÚltima hora

Reunión entre o alcalde de Ourense e o presidente da CHMS

Abordaban pechar acordos importantes coma os do saneamento de Velle, a senda peonil entre Untes e Outariz e unha actuación na Ponte Lebrona

 

De “moi frutífera” e satisfactoria cualificaban o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, a xuntanza que ambos mantiñan na mañá deste mércores 22 de xullo. No encontro desbloqueaban tres importantes acordos para a cidade: o saneamento de augas residuais en Velle, a senda peonil Untes -Outariz, e unha urxente actuación na Ponte Lebrona.

A mellora do saneamento de augas residuais en Velle é unha actuación de 2.974.261 euros (que se achegarán ao 50%) que consiste na renovación da rede de colectores e a execución dunha infraestrutura para incorporar as augas residuais á rede de saneamento xeral da cidade e o seu traslado á EDAR de Reza. O proxecto foi sometido á información pública e conta con informes ambientais e de patrimonio cultural favorables, segundo informa o Concello de Ourense.

Coa presenza do concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, e da concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, tamén se abordou o acondicionamento da senda fluvial entre Outariz e o regato do Val, en Untes. 5.700 metros na marxe dereita do río Miño que precisan de rozas de vexetación, obras de drenaxe e muros de contención, pavimento abondo para unha anchura de 2,20 metros, e acondicionamento (bancos, varandas, papeleiras…). O importe das actuacións é de 500.000 euros (achegados, tamén, ao 50% entre o Concello e a CHMS), que servirán tamén para as expropiacións necesarias.

O terceiro grande proxecto é a instalación dun baruto (tamiz) no aliviadoiro de Ponte Lebrona, no colector do río Barbaña. A urxencia desta obra vén dada polo carácter urbano da zona na que se atopa, e o orzamento de execución ascendería a 85.000 euros financiados integramente pola CHMS.

Saneamento integral do río Barbaña

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, amosaba tamén a súa satisfacción ao escoitar de Quiroga Díaz a noticia de que o saneamento integral do río Barbaña é un proxecto de “interese xeral” para o Goberno de España, que ten previsto investir 29,7 millóns de euros para paliar os graves problemas de contaminación do río e da súa contorna. “O proxecto podería estar licitado nun ano”, confirmaba o alcalde, “e ver como comezan as obras en ano e medio”.

No encontro tamén se abordaban asuntos coma o do parque acuático-termal ou a construción de senllas rotondas baixo a praza de Concepción Arenal e nas inmediacións do Pavillón dos Remedios, zonas afectadas pola proximidade da canle do río.

O presidente da CHMS, pola súa banda, cualificou o encontro de positivo pola “coordinación total e pola disposición das dúas administracións”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button