A RúaConcellosÚltima hora

Rexeitada na Rúa a moción para a recuperación dos servizos do HPV, cos votos en contra do PP e 1 edil do RUA

O texto, incluído por urxencia no pleno ordinario do mes de novembro, era defendido pola portavoz nacionalista María G. Albert

Votos en contra da moción presentada polo BNG. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Cun único punto na orde do día, se presentaba o Pleno ordinario do Concello da Rúa celebrado na tarde deste luns día 8 de novembro, aínda que a sesión acabou alongándose máis de hora e media. Trala aprobación da acta da sesión anterior aprobábase tamén, neste caso coas abstencións dos dous edís do PSdeG-PSOE, o ditame favorable da Comisión Informativa de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, no senso de “incluír como destinatarios do servizo de Tempo de Lecer aos nenos e nenas de 12 anos de idade e excepcionalmente de 13 anos se estivesen cursando 6º de Primaria”.

Tras este punto e antes do turno de rogos e preguntas, aprobábase (co voto en contra dun dos edís do RUA) a inclusión por urxencia da moción do BNG para “a recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Público de Valdeorras (antes HCV) e dos cadros de persoal de atención primaria, así como as melloras estruturais dos centros e materiais de traballo”, defendida pola portavoz nacionalista María G. Albert que xustificou a urxencia “dada a manifestación convocada para o día 28 deste mes”, dixo, facendo un repaso polo “paulatido deterioro do Hospital”, cuxa situación hoxe “é absolutamente insustentabel, de feito está peor que nunca xa que nin sequera os servizos básicos están cubertos”.

Era unha extensa e documentada moción, a mesma aprobada hai un mes polo Pleno no Concello do Barco de Valdeorras, que propoñía os seguintes acordos: que o “Concello da Rúa manifeste o seu apoio aos diversos actos e manifestacións que respectando a legalidade vixente sexan promovidos polas organizacións sindicais ou cidadanía da comarca na procura da fundamental recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Público de Valdeorras e dos cadros de persoal de atención primaria, así como as melloras estruturais dos centros e materiais de traballo; que o Concello da Rúa solicite a visita institucional inmediata, tanto do Xerente de Área de Ourense como do propio Conselleiro de Sanidade, para que dean explicacións sobre o presente e o futuro a curto e a medio prazo da sanidade na comarca”; ademais de solicitar “a formación e convocatoria do Consello de Saúde do Distrito Sanitario de Valdeorras”; e instar á Consellería de Sanidade “á creación dunha base do 061 con ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, encadrada dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG-061)”.

 

Votos a favor da moción. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

No turno de intervencións, o voceiro socialista Luís Fernández Gudiña amosábase “totalmente dacordo coa proposta”, adiantando os seus votos a favor. Unha postura moi diferente á presentada polo voceiro do RUA, José Vicente Solarat que xa votara en contra na inclusión da moción por urxencia, asegurando que “este tema precisa un debate profundo pero eu non son experto no tema por iso non me gusta este tipo de mocións. Gustaríame que non fose unha batalla de partidos e non entendo porque o Concello da Rúa ten que apoiar unha manifestación, que vaia quen queira ir. Eu votarei en contra”, dixo.

No seu turno, o alcalde da Rúa e voceiro popular, Álvaro Fernández, asegurou que están dacordo nalgúns puntos da moción pero “teño que defender a posición e o labor que está desenvolvendo a Xunta, facendo todo o que pode por manter os servizos do Hospital, algo que non resulta doado”, dixo, asegurando que non vai apoiar ningunha manifestación e poñendo de exemplo as convocadas polo Centro de Saúde da Rúa “onde houbo médicos que mentiron”. Con respecto ao segundo punto da moción, Álvaro asegurou que xa ten solicitada reunión co conselleiro de Sanidade. “Se eliminan eses dous puntos da moción, non temos problema en aprobar os outros dous se non obríganos a votar en contra a todo”, asegurou, ao que a portavoz nacionalista se negou en rotundo.

Así, no momento da votación houbo un empate con 5 votos a favor (2 do BNG, 2 do PSOE e 1 do RUA) e cinco en contra (4 do PP e 1 do RUA), sendo co voto de calidade do alcalde co que quedaba rechazada a moción.

Artigos relacionados

Back to top button