O núcleo rural de Ventosela, no concello ourensán de Ribadavia, mudará de imaxe proximamente. O proxecto, que conta cun orzamento total de 131.533,12€, será financiado con fondos do plan URBE-2019-2021 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xunto con aportacións do Concello.
As obras consistirán na renovación do pavimento do camiño que vai dende a escultura do gaiteiro ata as beiras do río Miño. Disporase adoquín de granito a ámbos lados do camiño e realizarase un bombeo do 2% cara o eixo central para canalizar as augas pluviais ata un novo sumidoiro.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “con esta actuación atendemos unha demanda reiterada en numerosas ocasións no pleno municipal e que, ademais, permite satisfacer unha necesidade reiterada en numerosas ocasións pola veciñanza deste entorno”. Tamén indicou que a obra entra dentro da “aposta do goberno municipal por mellorar e poñer en valor os núcleos rurais do concello”.