ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río acollerá a exposición “Gaitas Primitivas” do 15 de xullo ao 15 de setembro

Cada unha das súas pezas contará cun código QR no que o visitante poderá escoitar as explicacións sobre o instrumento a través dunha audioguía, ademais dun vídeo para ver como se toca e soa

Publicidade
Cartel da exposición.

 

Dende a tarde do vindeiro mércores 15 de xullo poderá visitarse en San Xoán de Río a exposición “Gaitas primitivas”, que permitirá descubrir ata 17 instrumentos deste tipo diferentes. Ademais a mostra destacará por unha singularidade tecnolóxica. “Por primeira vez este tipo de exposicións faranse dun xeito dixital e interactivo, porque a nosa cultura e as novas tecnoloxías deben ir da man para que o visitante teña unha mellor experiencia á hora de desfrutar desta colección”, destaca o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Ademais, cada unha das pezas expostas contará cun “código QR no que o visitante poderá, por unha parte, escoitar as explicacións sobre o instrumento a través dunha audioguía (en galego, castelán ou inglés) e ademais terá un vídeo no que verá como se toca ese instrumento e escoitará o son que ten (un dos exemplos: https://gaitasprimitivas.com/ney-amban/ )”, prosegue o rexedor.

 

 

 

Pero as innovacións dixitais non rematan aquí, matiza Xosé Miguel Pérez. Unha vez finalizada a visita á mostra o público terá a “oportunidade de testar os coñecementos adquiridos nun “quiz” no que a través do seu móbil deberá contestar a varias preguntas para poder obter o diploma de ter completado a exposición con éxito e ademais os que máis puntos obteñan neste “quiz” serán premiados unha vez que remate a exposición”, adianta o rexedor.

O acto inaugural da mostra “Gaitas antigas” está previsto para o mércores 15 de xullo ás 18h. Esta exposición pertence á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e foi cedida por Xosé Lois Foxo.

Esta colección de instrumentos poderá visitarse en Río ao longo de dous meses, é dicir, ata o 15 de setembro. O horario para ver a mostra será de 10:00h. a 14:00h. e de 16:30h. a 19:30h. e para outros horarios ou fins de semana deberá reservarse visita a través do teléfono ou email do concello de San Xoán de Río debido á situación do COVID-19.

Ademais ao longo destes 2 meses, a exposición será complementada con distintas actuacións musicais, conferencias, etc, “convertendo a San Xoán de Río no referente da música tradicional galega neste verán”, destaca o seu alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button