ConcellosÚltima hora

Río celebrará o Día da Muller Rural cunha homenaxe á súa veciña máis nova e á máis maior

Nesta ocasión serán Daniela González de 5 meses e Isolina Bergantiños de 104 anos

 

Dun xeito moi especial celebrará o Concello de San Xoán de Río o Día da Muller Rural o vindeiro 15 de outubro ás 12h. No salón de plenos da súa Casa Consistorial renderáselle unha homenaxe á muller máis maior e á máis xove do municipio, que neste caso son Isolina Bergantiños López, de 104 anos, e Daniela González Rodríguez de 5 meses.

“Neste acto poñerase de manifesto o recoñecemento á muller rural de todos os tempos como alicerce esencial da identidade dos pobos galegos”, tal e como destaca o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua. O Día Internacional da Muller Rural, establecido pola ONU no ano 2007, ten como obxectivo o recoñecemento ao papel decisivo das mulleres no desenvolvemento, a seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza.

“Esta homenaxe do Concello a todas estas mulleres contará coa presenza da muller máis maior e máis xove do municipio en representación de todas as mulleres do rural do pasado, do presente e do futuro”, prosegue o rexedor de Río, quen destaca que “o mundo débelles moito ás mulleres, e ás do campo aínda máis, porque as que non traballan na agricultura ou na gandería, fano en moitas outras cousas. Son tamén pezas clave do medio rural. Grazas ao traballo que tamén fan na casa converténdose no gran sustento da familia”.

Artigos relacionados

Back to top button